ENTREVISTA

Ramón Caride: "O libro en papel é un obxecto máis social e ofrece cousas que non da o electrónico"

ramoncaridearchivo22_result
photo_camera Ramón Caride.

A Galería Circular de Allariz acollerá mañá venres, ás 20,30 horas, a presentación de "O camiño da estadea", do escritor ourensán Ramón Caride. Trátase da última entrega da saga de aventuras que protagonizan Said e Sheila

Onde nos leva “O camiño da estadea"?

É o regreso de Shaila e Said, unha saga que comezou no ano 1995 con "Perigo vexetal". Son libros de viaxes no tempo e no espazo, porque están cheos de aventuras. Este en concreto, lévanos ao centro de África, un continente que me atrae moito e que non saíra nos libros anteriores. En canto ás tramas, son varias e resultan complicadas de contar, pero lense con bastante facilidade. Hai unha historia de amor, a da protagonista Shaila; pero tamén unha denuncia sobre a explotación de mulleres, para a cal me baseei na Operación Carioca de Lugo; a guerra de Kosovo; e digamos que, a trama de base, sería a dos residuos radioactivos.

Por que decide acabar aquí as aventuras de Shaila e Said?

Dende o principio pensei nunha novela diacrónica, cun principio e un final, e onde os personaxes evolucionasen, que fosen cambiando e medrando, igual que os lectores. De todos os xeitos, aínda que penso que este é o final da serie, os protagonistas non morren. O libro ten un final aberto.

É máis esixente o público xuvenil que o adulto?

Eu creo que si, porque é un público con menos prexuízos á hora de ler. Que busca a trama, gústalle que o libro enganche e tire da persoa que o está lendo. Isto é o que queren e o que esixen, non detalles de estilo ou de como está escrito, que é no que se fixa un adulto. Eu levo escrito libros para adultos e nenos, de poesía, ensaio,.. pero escribir para o público infantil e xuvenil ten unha axilidade e inmediatez na súa resposta, que non cha dá a literatura de adultos.

Como ve o formato electrónico, é unha modalidade para achegarse aos novos lectores?

Non o sei, hai moitas teorías. Nós temos esa modalidade, pero a cantidade de "ebooks" que se venden non chega ao 10%. É que o papel ten outra virtualidade. O libro en papel é un obxecto que ti cho podes levar, podes abrir, prestar,... é algo físico que fas teu. O libro en papel é un obxecto máis social que o electrónico, sigue ofrecendo cousas que non ofrece o electrónico. De todos os xeitos, o que está claro é que coas novas tecnoloxías, os rapaces aprenden a ler antes, nesa lectura primaria de aprender as palabras. Porque o papel é o único que permite reflexionar sobre o que les, sobre o significado das palabras.

En que esta traballando agora?

Estou escribindo "Singamia 0.1", un libro de relatos sobre a implicación das novas tecnoloxías. É o terceiro dunha serie que empecei con "Exogamia 0.3" e que continuei con "Endogamia 0.2". Nel trato de plasmar de que maneira as novas técnicas ou o procesamento da información, mesmo os problemas ecolóxicos, van a determinar moi rapidamente a nosa vida. Xa esta cambiando a nosa maneira de ver o mundo.

Te puede interesar