Vilariño denuncia a grave situación da súa estrada

Tramo onde os veciños de Vilariño quéixanse de que a velocidade dos coches é moi elevada e perigosa.
photo_camera Tramo onde os veciños de Vilariño quéixanse de que a velocidade dos coches é moi elevada e perigosa.
Os veciños quéixanse do tráfico de vehículos e o exceso de velocidade

Os veciños de Vilariño (Xunqueira de Espadanedo) están a vivir unha delicada situación. A pequena aldea de menos de 20 habitantes está situada a carón da ponte da comarcal 536 en Ourense, á altura de Xunqueira de Espadanedo, que caeu hai un mes.

Dende entón, e a pesar de estar habilitado un desvío debidamente indicado, están a sufrir un tráfico de vehículos excesivo e a unha velocidade inapropiada por parte de condutores que coñecían, ou ben “descubriron por casualidade, que atravesando a aldea atallaban”, comenta Vanessa Conde, veciña da aldea.

“Así, de 08,00 horas a 09,00 horas, de 13,30 horas a 15,00 horas e de 19,00 horas a 22,00 horas, temos que soportar que numerosos coches, furgonetas e pequenos autobuses transiten por unha estrada estreita onde non collen dous turismos, a unha velocidade moi superior á recomendable”, explica Vanessa.

“Despois de intentar poñerme en contacto co alcalde de Xunqueira de Espadanedo en catro ocasións, nas que me atendeu unha empregada do concello moi amable que intentou axudarme en todo o que puido, finalmente este chamoume por teléfono e esta foi a súa resposta: el non pode facer nada, nin sequera se presentou no lugar para botar un ollo ao problema, non se pode impedir que a xente circule polas estradas, non poden colocar lombos en todas partes. Chamar a Garda Civil e á Tráfico é inútil porque nos ignorarían. O alcalde respondeume que mentres a ponte estea cortada, temos que ter máis coidado ao andar pola aldea”, detalla a veciña.

“Case atropelan dúas veces ao meu marido que vai nunha cadeira de rodas”, Luciña Cardoso, veciña de Vilariño.

“Eu case choco de fronte cando iba levar a miña tía o médico, nunha curva pechada viña unha señora lanzada. Cando veñen de Trives hacia Ourense, pasan con moita velocidade en doble liña continua”, explica outra veciña da aldea, Isabel Campos.

O alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, explica que “nós falamos con Tráfico pero dixéronos que non poden facer nada xa que é unha vía pública. O que ten que facer a xente é ir despacio porque non collen dous coches”.

Te puede interesar