LEMBRANDO A BEN-CHO-SHEY

Hai semanas merquei no rastro un libro recopilatorio con artigos de Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey.
O libro titúlase Galicia No Corazón e recolle colaboracións publicadas en diferentes xornais galegos -do exilio e do interior- durante a longa noite de pedra: La Región, El Progreso, El Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Noche, Vieiros, Diario de Pontevedra, A Nosa Terra, Correo de Galicia e outros. Nestes traballos, o ilustre galeguista defendía o uso do idioma galego, laiándose e rebelándose contra a desgaleguización colectiva que imperaba no franquismo; falaba da revista Nós, de Castelao, dalgúns dos 'bos e xenerosos!, dos costumes galegos, da toponimia barbaramente castelanizada, etcétera. Artigos todos nos que demostraba un grande amor polo seu país.

O que ofendía -e ofende- a algúns españolistas, para os que o paradigma de 'bo galego e bo español' é Francisco Franco ou Mariano Rajoy: dous renegados, cuxa única aportación consiste en moderar á dereita española, a auténtica besta negra dos dereitos e liberdades das clases populares e das culturas e nacións periféricas.

Xosé Ramón Fdez. Oxea foi membro do Seminario de Estudos Galegos e presidente do Partido Galeguista en Lugo. En 1936 era inspector de ensino e as novas autoridades suspendérono de funcións. No 1943 ingresou na R.A.G. E participou no Centro Galego da capital do Estado. Escribiu tamén algo de narrativa (Andrómenas e Contos do fiadeiro), algo de poesía (Berzas e A ducia do frade) e varios ensaios (O entroido en Galicia, O barallete,...). En 1981 foi nomeado membro de honor da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O seu seudónimo escolleuno de mozo, cando era soldado en África, para burlar a censura e poder así escribir crónicas sobre a guerra de Marrocos do ano 1921. Tiña unha apariencia árabe e, ao mesmo tempo, identificábao como galego.

Te puede interesar
Más en Cartas al director