“Máis deporte e menos latín”


Sempre oín (e souben) que a procesión vai por barrios, recorréndoos todos e que, todos, son desde os dos ricos ata os dos probes (certo que visita uns máis ca outros, dependendo) e dende os dos cultos ata os dos ignorantes e que tal procesión do sentir e do pensar fai que todo se repita e se consume; que todo sexa certo ou mentira dependendo do barrio no que vivas.

Agora a procesión indica que máis que xente quen de sustentar opinións, máis que xentes pensantes, o que as sociedades precisan son xentes que produzan sen andar a perder o tempo en consideracións inútiles. Simplificándoo moito: pra apertar parafusos un operario non precisa moito léxico, nin pra apertalos el, nin pra lle aprender a outro o millor xeito de facelo. Por camiño tan simple axiña pode chegar unha sociedade enteira, calquera barrio importante dela, á conclusión de que as Humanidades non son necesarias en absoluto e que se oito horas son precisas pra descansar, oito pra traballar e outras oito para ir e vir o millor ha ser traballar catro ou seis horas máis ó día, durmir un par delas ou tres menos por noite, e dedicar menos a comer xa que unha vida sa require pouca inxesta e non están os tempos pra alegrías.

É evidente que o anterior pode parecer, senón unha perogrullada, si unha simpleza que pode levarnos a calquera extremo indesexable. A posible resposta consistiría entón en preguntar senón estaremos a beira deses extremos que ó parecer ninguén desexa. 

Acordase alguén de cando, hai trinta ou corenta anos, acaso máis, pelexabamos e obtivemos a semana laboral de trinta e cinco horas?; daquela, cando nos preparabamos pra organizar a sociedade do ocio dabamos por feito que todo iría a millor de xeito que, se un home da miña idade de hoxe, medrou vendo progresar a sociedade na que nacera, minuto a minuto, durante máis de medio século, a partires da maldita crise do 2011 -a das hipotecas sub prime que acabou por lle dar a volta a todo- a procesión empezou a se encamiñar cara os barrios que máis haberían padecer as crises económicas e as pandemias aterradoras que tanto nos levan e nos están consumindo.

Ás veces, é dicir, moitas veces ou aínda millor dito, moi a miúdo, pregúntome se é que os daquelas xeneracións fomos educados de distinto xeito que as que nos sucederon e, miren por onde, hai tempo que sospeito que si, que así foi, e que o foi deliberadamente. Sucedeu de tal modo a partires daquela estupidez pronunciada polo ministro secretario xeral do Movemento e ex gobernador civil de Pontevedra, coñecido como a sonrisa do réxime, que proclamou, dotado que foi dos máis importantes altavoces, que “máis deporte e menos latín”. Dende entón as humanidades e con elas o habito de pensar teñen ido perdendo importancia nos plans de estudios. Agora volven teimar nelo mentres todos necesitamos conservar a capacidade de pensar da que só elas nos fornecen e o peor é xa o estamos a aceptar coma ovellas mansas.

Te puede interesar
Más en Cartas al director