MESTRA EXEMPLAR

n n nEsoutro día estivemos en Valdeorras, terra e xente ben hospitalarias, para celebrarmos o gozo do deber cumprido e recoñecido.
No marco maxestoso do Pazo do Castro, atalaia desde onde se domina a vila do Barco, asistimos á festa que o CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira organizou para tributar emocionada homenaxe á mestra Manuela Fernández Losada, a nosa Manuela, Manolita, con motivo da súa xubilación. Abrazo de afectos, ilusións, lembranzas, imaxes e palabras para festexar, a corazón aberto, unha vida dedicada á docencia, a profesión máis fermosa do mundo. E a vivencia partillada dunha ausencia sentida como moi presente. A organización do evento por parte do persoal do centro escolar estivo, en todo momento, á altura da calidade humana e profesional da persoa homenaxeada.

Ao longo da súa existencia, Manuela Fernández Losada dedicouse a dúas carreiras nas que conseguiu atinxir o grao de excelencia: a da docencia e a da amizade. A festexada recoñecía en improvisado discurso de gratitude que tivera a fortuna de se ter dedicado a unha actividade da que sempre gustara. De certo, en cada novo encontro a Manolita falábanos do seu labor cos escolares coa paixón e o entusiasmo de quen comeza. Vocación de ensinar que non para de levedar ao longo de toda a traxectoria profesional, aprendizaxe infatigábel no exercicio do maxisterio. Da súa dedicación entregada e xenerosa abrollan incontábeis premios e recoñecementos. Muller do seu tempo, moi atenta ás innovacións pedagóxicas e tecnolóxicas, con discreción e prudencia, faise usuaria entusiasta das TIC desde a súa irrupción na sociedade de progreso e benestar e firme defensora do seu emprego no sistema educativo. Íntegra e auténtica, representa de maneira extraordinaria o gremio dos docentes, que teñen encomendada a laboriosa tarefa de construír os alicerces dunha sociedade culta, libre e xusta, e que algún día han de ter o recoñecemento debido ao seu esforzo e á súa xenerosidade.

A Manuela pertence a ese tipo de persoas que nos axudan a encontrar un sentido á vida e para as que se reserva lugar destacado no inventario dos agradecementos. Hai que se deter algo máis a miúdo para facer o reconto de cantos contribúen a facer máis luminoso este noso mundo. Como di o amigo artista Arturo Baltar, de pensamento reflexivo, a Manolita é unha persoa total.

Te puede interesar
Más en Cartas al director