Non é un chiste Sr.Feijoo, non é un chiste

A morriña franquista do Alcalde de Beade, que afirma orgulloso ser admirador 'do Generalísimo', que impregna esta localidade de homenaxes á dictadura en forma de nomes de rúas, escudos e bandeiras preconstitucionais.
Ter un alcalde en Baralla que xustifique miles de asasinatos copiando a frase estrela dos maltratadores de 'algo farían', para días despois pedir disculpas por decir en voz alta o que realmente pensa. A venenosa aportación á historia do deputado Rafael Hernando, que culpa sen ruborizarse á República de máis dun millón de mortos. Que algúns mozos e mozas do Partido Popular se fotografíen orgullosos suxeitando cunha man a bandeira do aguilucho, e alzando a outra co brazo extendido, que o propio Goberno de Rajoy premie cun ascenso a un militar antidemócrata que cuestiona a Constitución e xustifica a represión franquista. Pero o que de verdade non é un chiste e que o Partido Popular lle reste importancia a estos feitos, que mire para outro lado evitando condealos de maneira contundente, e mesmo que sexa cómplice desta volta ao pasado recente máis gris e sangrento do noso país.

É realmente preocupante a súa participación por omisión ou comisión na creación deste caldo de cultivo no que a manipulación dos acontecementos históricos, a grave crise económica e social, e a deslixitimación do sistema democrático, son xa ingredientes fundamentais para o rexurdimento da ultradereita no noso país. Basta xa de adulterar os feitos históricos dulcificándoos. Comecemos a falar sen medo de que non houbo dous bandos, houbo un levantamento militar que quebrantou a vontade democrática dunha cidadadanía que apostara naquelas eleccións do 1936 polo progreso e a defensa das liberdades.

Recoñezamos que quen se enorgullece de ser franquista, ou ampara este tipo de comportamentos, apoia e xustifica un réxime que perseguiu, torturou e asasinou a miles de persoas con total impunidade durante máis de 40 anos. Esixamos que se contemple a apoloxía do franquismo no Código Penal, e que se cumpra a Lei da Memoria Histórica. Busquemos aos desaparecidos. Dignifiquemos a loita de miles de homes e mulleres pola democracia, polos dereitos e liberdades dos que hoxe disfrutamos. Corremos un grave risco senón actuamos axiña, porque como ben dicía Saramago, 'senón recuperamos a Memoria Histórica, comezará o olvido, e chegará a indiferencia'.

Te puede interesar
Más en Cartas al director