XOGO LIMPO NO SERGAS

Dentro de moi pouco vai a ter lugar un cambio importante na sanidade galega: moitas persoas verán como cambian os seus médicos e médicas de cabeceira. E un cambio trascendente, débese facer ben.
Todo comezou no ano 2008, cando o anterior Goberno autonómico convocou, con gran acerto, unha oferta pública de emprego para mellorar a calidade da atención ós usuarios rematando coa situación de precariedade laboral de centos de facultativos. O concurso-oposición foi desenvolto polo actual Goberno de xeito impecable, mediante un exame difícil e selectivo, plantexado e executado con criterios de xogo limpo.

Agora, a punto de culminarse o proceso, o Servizo Galego de Saúde debe ofertar ós profesionais aprobados todas as prazas vacantes dispoñibles. Esta oferta debe estar baseada nos mesmos principios de limpeza que foron seguidos ata agora.

Sería unha mágoa que a transparencia do proceso se estragase por responder a intereses que non sexan os de servicio público e escrupuloso respecto do principio de igualdade, mérito e capacidade. Non se pode pedir máis, pero tampouco menos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director