A Casa dos Poetas acolle este sábado o seminario “A longa noite de pedra"

Trátase dunha homenaxe aos represaliados na Guerra Civil e terá continuidade o domingo en Allariz

A Casa dos Poetas acollerá este sábado parte do programa da VIII edición do Seminario sobre a Memoria "A longa noite de pedra", organizado dende Rianxo e que por primeira vez visitará tanto Celanova como Allariz. Entre as actividades previstas estará a proxección do documental "San Salvador, presos en Celanova", de PatriciaNogueira, e contará coas conferencias "Ollada familiar sobre a represión do Celso de Poulo", por parte do seu neto Carlos Pereira, e "Senlleiros e esquecidos, paseos e paseantes nocturnos na Terra de Celanova desde o verán do 36", que impartirá o profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte. 

O acto central da xornada terá lugar no monte do Furriolo -onde un monumento lembra ós presos fusilados durante a Guerra Civil- coa lectura de poemas extraídos do libro colectivo "Volverlles a palabra", editado en 2008 como homenaxe ós represaliados polo franquismo.

O seminario, que se iniciará en Rianxo mañá venres, continuará na Casa do Concello de Allariz durante o domingo con charlas como "Experiencias e sentimentos na guerrilla" ou "Loucura, medicina e represión política na Galicia da Guerra Civil e a posguerra".

Te puede interesar