Poeta e dramaturgo de Ramirás

Lois Antón Pérez: ‘O medo fixo que non escribira os meus poemas ata despois da morte de Franco’

Lois Antón Pérez.
‘A mentalidade galega é caciquil e iso non se cambia nunha xeración’, sinala Lois Antón Perez, o poeta que inspirou o libro ‘Voz da terra, arela de pobo’.
‘Voz da terra, arela de pobo’ é o título do libro que hoxe a tarde presenta en Celanova a Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás. Unha publicación inspirada na figura do poeta oriundo de Escudeiros (Ramirás) e residente en Celanova, Lois Antón Pérez, no que participaron diferentes figuras da vida política e cultural do momento.

Que lle parece a publicación de Voz da terra, arela de pobo?

Aínda non o lin, pero seguro que está moi ben porque Xan Carlos Domínguez (o coordinador do libro) é un dos grandes da cultura galega pola maneira que ten de achegarse á xente. A min, non me gustan estas cousas, porque non me encontro. Eu crieime entre complexos, fun o máis novo de doce irmáns, un privilexiado da miseria da posguerra, e iso mancoume. Porque si había algo na casa, primeiro era para min e, eu que me daba conta de todo, o vivía como un martirio. Pero aceptei esta nova mostra de cariño, porque sei que os organizadores quérenme ben e, de algún xeito, reafirma o sono que eu sempre tiven de sentirme útil cos meus poemas.

Reside vostede na terra dos poetas.

Si, pero ninguén é profeta no seu país. Eu sei que si fora por outro camiño tería éxito, pero vou polo meu. Por iso quero aproveitar o acto desta tarde para, a través dun poema, explicar á mocidade de hoxe que o progreso que tivo Galicia foi gracias ó nacionalismo. Unha evolución dende a fame, a pobreza, o medo e a emigración que eu mesmo sufrín.

En que cambiou? No tratamento, agora a xente non se asusta, non ten medo.

O que temos que facer é seguir camiñando porque a mentalidade galega é caciquil e iso non se cambia nunha xeración. A nosa terra precisa de todos nós, dos gobernantes e tamén da oposición que, si mira pola terra, faranos un favor.

Ademais de poeta, vostede é un símbolo do nacionalismo.

Eu non sabia que había eso. A min fixéronme cos desprezos á terra, a nosa língua e as nosas tradicións. O respeto é o máis bonito que hai.

Cando empezou a escribir?

Gustoume a poesía dende neno e xa daquelas chamáballe perrerías ós meus irmáns con rimas. Pero non empecei a escribilas ata a morte do de marras, no ano 1975. O que fai o medo, porque eu daquelas xa estaba na emigración. Foi una época difícil porque nunca me cheguei a integrar e a poesía axudoume moito. Din que os pobres somos moi morriñosos e eu sempre añado que emigrei pero nunca estiven fóra.

Como define a súa obra?

Escribo aquelo que vivín e que sinto: sobre Galiza e a nosa língua, sobre o traballo do campo, a miña escola e o mundo na aldea.

E agora qué ten entre mans?

Espero publicar, coincidindo cas celebracións do día das letras galegas, un poemario que terá un prólogo de Xosé Manuel Beiras. Aínda que desexo poder publicar as miñas obriñas de teatro que é como mellor paso o tempo.


Te puede interesar