CELANOVA

A música non entende de idade

Acordeonistas2_result
photo_camera A agrupación, en Vilanova dos Infantes, onde ensaia unha vez por semana.

Un grupo de veciños das Terras de Celanova, xubilados a maioría deles, estrean mañá a agrupación "Amigos do acordeón", cun concerto no auditorio Ilduara composto por cancións populares da cultura galega.

Hai frases que acaban por converterse en comodín na linguaxe coloquial pero iso non quere dicir que por moito repetilas sexan menos verdade. Unha delas podería ser a de que "nunca é tarde", especialmente cando se trata de aprender. Hai persoas ás que á música as acompaña durante toda a vida, moitas veces sen sabelo, e teñen que agardar mesmo décadas para coñecer a súa vocación artística. Un grupo de 12 veciños das Terras de Celanova descubriron hai case dous anos que a súa estaba nun instrumento tan sonoro e complexo coma o acordeón. 

Tal é a súa ansia por dominalo que mañá, venres, estrearán a agrupación "Amigos do acordeón" ó público celanovés. Benito Villar comezou hai só cinco anos nesta modalidade musical. O seu é o clarinete, pero por petición do grupo acaboulles ensinando o solfeo necesario para que puiedesen adentrarse nel. 

A meirande parte da ducia de persoas que hoxe compoñen os "Amigos do acordeón" comezaron de cero hai algo máis de ano e medio. Manuel Álvarez é un deles. "Sempre me gustou moito, incluso chegara a mercar un acordeón en Alemaña, conseguín tocar algo para a casa pero non sabía solfeo nin nada, só tocaba a harmónica". Hoxe, xa xubilado, a música ocupa boa parte do seu tempo de ocio e amósase moi "contento" de cara ó concerto de mañá porque "cada vez somos máis". 

A Pepe Feijóo aconteceulle algo similar. Con 15 anos, os seus pais mandáronlle un acordeón dende Venezuela e, daquela, "aprendera a tocar algo de oído" pero as obrigas que foi adquirindo ó formar unha familia fixeron que deixase de lado a música. Se ben garda con moito cariño aquel primeiro instrumento chegado do outro lado do Atlántico, agora "facíaseme pequeno e teño un novo". Tres décadas despois, "cando lle fun botar a man outra vez non me acordaba de nada". Pero Pepe non claudicou, senón que procurou un profesor en Ourense que lle refrescase a memoria. De feito, Benito Villar asegura que gracias a Pepe Feijóo hoxe existe a agrupación.  

Unha vez por semana, estes amantes do acordeón ensaian na Escola de Música de Vilanova dos Infantes. O seu repertorio está composta en boa medida por cancións populares da cultura galega, temas coñecidos tanto para eles como para o público que os escoite. Claro que antes de dominar a dixitación, os 12 músicos tiveron que pasar pola teoría do solfeo. "Foi un reto moi grande", asegura Benito Villar, "pero teñen todos moita ansia e practican moito".

Os "Amigos do acordeón" agardan que o concerto de mañá sexa un éxito tan grande como a ilusión que eles están poñendo nel, pois  "levamos máis dun mes ensaiando case tódolos días". Será ás 20,00 horas no auditorio Ilduara de Celanova e contarán nalgúns temas con Tino e Germán, dous veciños tamén da comarca que acompañarán á ducia de acordeóns do grupo coas súas potentes voces.

Te puede interesar