Bolboretiña | A familia de cabeza

Éfamilia ampla. Con moitos fillos, como cabezón, cabezudo, cabeceira -parte de arriba da cama, núcleo principal de algo- cabezallo -parte do carro, encabezamento dun artigo-, etc., etc. Pero tamén entre nós é usual referirse á cabeza de forma familiar ampliando, metonimicamente, o significado da palabra testa, da parte superior da cabeza orixinal (entre o nariz e o pelo -ou onde debería estar- e entre sen e sen, tamén chamada fronte) ao conxunto da cabeza. Esa testa tamén ten familia intensa: testán ou testudo (co mesmo significado que cabezudo) testeiro, entestar, etc. Entre a linguaxe infantil e humorística é frecuente chamarlle “cachola”. Levou un golpe na cachola, usando unha das varias palabras que se usan por Galicia adiante para chamarlle á cabeza do porco salgada, máis frecuentemente “cacheira” e, en Ourense, “cachucha”, que, por certo, é o nome dun baile popular andaluz, con castañolas e todo, que se esparexeu por América. Miren en youtube “cachucha” ou “cachucha bacana” e sorprenderanse co ritmo.

Te puede interesar