Os Bolechas levarán a lingua galega por Galicia

O novo espectáculo dos irmáns percorrerá 56 municipios da comunidade

 

O novo espectáculo 'Os Bolechas e o Sabichón' percorrerá as distintas rexións de Galicia para achegar a lingua galega aos máis pequenos cunha proposta lúdica que chegará a miles de persoas e 56 concellos, como parte do programa 'Falaredes' da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Onte os personaxes creados por Pepe Carreiro achegáronse á Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para mostrar as súas novas peripecias e actividades a un grupo de nenos procedentes dos concellos de Vedra e Boqueixón, nun acto apadrinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.

Esta proposta ofrece unha combinación entre obra de teatro e concurso, presentado por 'O Sabichón', no que os Bolechas terán que interactuar co público nunha serie de probas nas que terán que mostrar os seus coñecementos na lingua galega. O obxectivo é fomentar a lingua galega "dende a diversión" e facer partícipes deste a todos os pequenos que acudan ao espectáculo, que esta destinado a nenos de entre 3 e 9 anos.

Ao inicio do acto, o responsable de Bolanda, empresa xestora da Actividade, Antonio Couto, trasladou a súa "satisfacción" por ver "prazas ou casas da cultura cheas" e esa "complicidade" e "conexión" que os nenos manteñen con estes personaxes. Así, pediu aos pequenos que gocen deste novo espectáculo que aproveiten para "concursar e aprender" e avanzou que "dentro de moi pouco" poderán facelo "en inglés".

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura destacou a traxectoria do programa 'FalaRedes', que chegou a máis de 150 concellos durante os últimos tres anos. Unha "aposta" polos artistas que escollen a lingua galega "como vehículo de traballo" e como elemento de "dinamización social" dentro do proceso de dinamización do idioma.

Te puede interesar