Editores e escritores galegos fan promoción das as súas obras esta semana na Feira do Libro de Guadalajara (México)

Manterán diversos encontros con integrantes de clubs de lectura que previamente traballaron coas súas obras
Unha delegación de editores e escritores galegos atópase na cidade mexicana de Guadalajara para participar na Feira Internacional do Libro, que comezou o pasado 26 de novembro e se prolongará ata o 4 de decembro. Agustín Fernández Paz, que o martes recibirá o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil; Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, son os autores que protagonizan as principais actividades, especialmente con público escolar.

Así, manterán diversos encontros con integrantes de clubs de lectura que 'previamente 'estiveron a traballar' coas súas obras, sinalou Rosa Aneiros, e con estudantes de distintas idades. O acto principal celebrarase o xoves 1 de decembro, cando Rosa Aneiros e Marcos Calveiro recibirán un grupo de nenos e nenas indíxenas da Serra de Durango, na zona centro-occidental do país, lindante co estado de Jalisco.

Trátase de novos tepehuanos do norte, unha das máis de 60 etnias existentes en México que, segundo destacou Rosa Aneiros, 'reciben unha educación bilingüe' tanto en español como na lingua autóctona. 'Será interesante explicarlles que hai outros lugares onde tamén se fala e se estuda nunha lingua propia', sinalou a autora, en alusión ao galego.

'Algúns deles non saíran antes de Durango e para todo será a primeira vez que veñan á FIL', explicou Rosa Aneiros que, xunto con Marcos Calveiro, lles falará de 'como se constrúe unha historia' dende o punto de vista literario, e da importancia dos libros e a lectura para a formación dos mozos.

En canto a Agustín Fernández Paz, será entrevistado pola propia Rosa Aneiros nun encontro denominado 'O pracer da lectura', que se celebrará o mércores día 30. Ambos os dous, xunto con Marcos Calveiro, participarán ao día seguinte nunha mesa redonda co lema 'Voces de Galicia'.

EDITORES

No stand colectivo da Asociación Galega de Editores (AGE) e a Xunta de Galicia, representado polo presidente do gremio, Manuel Bragado, e polo director xeral do Libro, Francisco López Rodríguez, exponse unha selección do catálogo dunha vintena de editoriais. Delas, a única que conta cun stand propio na FIL é Kalandraka, á que se suma a empresa distribuidora de libros Arnoia, situada no pavillón internacional xunto co stand da AGE.

O stand de Kalandraka atopa no pavillón nacional de México, xa que a editorial galega especializada en literatura infantil e xuvenil acode a esta feira representando ao seu selo mexicano Libros para Soñar. Alí mantén encontros con editores, distribuidores, bibliotecarios e libreiros latinoamericanos e estadounidenses, ademais de facer promoción de as obras distinguidas co Premio Internacional Compostela de Álbum ilustrado.

A Feira Internacional do Libro de Guadalajara celebra este ano os seus 25 edición, na que Alemaña é o país invitado. No programa de actividades destaca a presenza de autores e ilustradores como Herta Müller e Jutta Bauer en representación da delegación alemá. Tamén participan o poeta Juan Gelman, o novelista Mario Vargas Llosa e o artista plástico Anthony Browne.

Te puede interesar