Encontran unha porta descoñecida no convento de San Francisco en Lugo

As obras de acondicionamento do convento de San Francisco, sede do Museo Provincial de Lugo, deixaron ao descuberto unha porta ata agora descoñecida que comunicaría o claustro coa á norte do cruceiro da antiga igrexa do complexo conventual, actualmente convertida na parroquial de San Pedro, en plena zona histórica da cidade, informaron hoxe fontes do Museo Provincial.

Os operarios que efectuaban unhas obras para acondicionar o lenzo interior da medianeira do claustro, acharon a porta ao toparse cun arco de granito, lixeiramente apuntado e con abundantes signos lapidarios, que estaba tapiado con cachotaría de lousa.

Nunhas declaracións a EFE, a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, explicou que os expertos consultados confirmaron que o recheo que ocultaba a porta 'é antiga', polo que non está relacionado coas obras de mediados do século pasado para adaptar o convento á súa nova función expositiva.

De momento, descoñécese a antigüidade desa porta, pero Balseiro opinou que encaixaría perfectamente coa 'tipoloxía monástica franciscana', na que a igrexa estaba normalmente comunicada directamente co claustro.

En todo caso, para saír de dúbidas, abrirase a partir de agora 'un proceso de investigación e documentación' para determinar a orixe desa porta, que comunica directamente co claustro do Museo Provincial, dixo Balseiro.

Precisamente, a directora do museo tamén confirmou que o arco 'quedará ao descuberto' e que se integrará 'na exposición museística do claustro, tanto para gozo do público como para referencia dos propios investigadores'.

As obras no claustro franciscano coinciden co oitenta aniversario da súa declaración como ben de interese cultural, e constitúen a segunda fase dun proxecto maior envergadura e céntranse na consolidación.

Na primeira fase, foron desencaixadas das paredes do claustro diversas pezas arqueolóxicas, entre as que destacaban dúas placas do século I, descubertas na muralla de Lugo, dedicadas a Roma e ao emperador Augusto por Paulo Fabio, legado do César e fundador da cidade.

Te puede interesar