PRESENTACIÓN

'Galicia en Cuba' recompila as 'raíces galego-cubanas' de Neira Vilas

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes en Santiago a publicación do volume 'Galicia en Cuba. Rosalía. Loitas', que agrupa tres obras de Xosé Neira Vilas nas que se desenvolven distintos aspectos das súas "raíces galego-cubanas".

O propio Neira Vilas participou na presentación da obra, unha reedición revisada polo autor, na que tamén estivo presente o presidente do CCG, Ramón Villares, o cónsul de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

En concreto, a publicación recolle os libros 'A lingua galega' en Cuba', 'Rosalía de Castro e Cuba' e 'Galegos que loitaron pola independencia de Cuba', país no que Neira Vilas residiu durante 32 anos e ao que estivo moi vinculado.

De feito, o cónsul de Cuba en Galicia eloxiou a figura de Neira Vilas, ao que "Cuba acolleu como un fillo" e destacou o seu carácter de "internacionalista" aínda que "sempre enarborando a bandeira galega".

A recompilación conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e inclúese no marco dun convenio de colaboración que ambas as dúas entidades asinaron en 2010.

Neste sentido, Valentín García destacou a importancia de recordar os "símbolos identitarios de Galicia no exterior", así como do "retorno da relación entre Galicia e Cuba". "Se hai alguén que afondara, investigado e documentado este labor dende a Galicia territorial para dar conta do inxente traballo levado a cabo en Cuba, ese é Xosé Neira Vilas", sentenciou.

Te puede interesar