ENTREVISTA

Neira Vilas, o “xornaleiro das letras galegas" amigo do Che

neiravilas
photo_camera O escritor Xosé Neira Vilas. (EFE)

Rodeado de cultura, un dos autores máis prolíficos de Galicia publica o novo libro "Días en Cuba"

O polifacético galego Xosé Neira Vilas, o escritor máis ilustre do municipio de Vila de Cruces (Pontevedra), vive rodeado de "cultura", de libros, e é o profundo amor pola súa terra o que mantén activo este "xornaleiro das letras", que chegou a ser camarada de Ernesto Guevara, o Che.

Vivir e actuar, escribir e facer, son as máximas que rexen a vida deste home, ao que moitos comparan con Balbino, o famoso personaxe da súa obra por excelencia, e que confesa que o que máis tempo lle leva é "compaxinar" a escrita coa asistencia aos actos a que o convidan e a súa tarefa na Fundación a que dá nome.

'Días de Cuba' é a achega máis recente deste creador á literatura galego-cubana, e supón unha fecunda e frutífera viaxe a modo de memorias en que repasa as súas tres décadas máis un ano na illa.

Reporteiro, dirixente sindical, activista cultural, pedagogo... Todas foron ocupacións dun home sabio que, "fiel" a un consello do seu amigo Eduardo Blanco Amor, decidiu non profesionalizar o seu oficio para "poder" escribir á súa maneira, e isto a pesar de ter a oportunidade de se empregar en calquera dos catro xornais, cinco revistas, tres emisoras de radio, dúas canles de tv e na editorial nacional cubana, medios que se puxeron á súa disposición.Relacionouse Neira Vilas alí, na súa "patria paralela", con "tres personalidades" de grande importancia, José Martí, Fidel Castro e o 'Che'.

Precisamente deste último, co que mantiña un contacto máis próximo, mesmo pola participación voluntaria na recolleita de cana de azucre, este académico de lingua galega destaca o rigoroso que era traballando, así como a súa "solidariedade, vontade e sabedoría".

"É un libro moi diverso", sostén, feito de forma "xornalística" e que abarca o tempo transcorrido desde a súa aterraxe en 1961, atraído polo triunfo da Revolución e motivado polo desexo de pór o seu gran de area nunha causa "bonita e esplendorosa", até a súa volta en 1992, para ficar.

Con 85 anos, Xosé Neira Vilas conserva un espírito incansable e traballador, polo que non estraña que manexe novos proxectos, xa con título, 'Epistolario diverso', 'Crónica dunha fecunda amizade' e 'Semente galega en América'. Esta travesía comezouna da man do cantautor Manoele de Felisa e cos 'Cantos de lembranza', unha ruta que continuará con novas propostas e as colaboracións de Lueiro ou Casal.

Te puede interesar