A rehabilitación do santuario da Virxe da Barca custará 719.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, entregou o proxecto básico de rehabilitación ao arcebispo de Santiagon Julián Barrio, este luns.

O documento é un traballo contratado pola Xunta ao Gabinete de Arquitectura 'K2C Arquitectas' por 21.426 euros. O acto de entrega tivo lugar no Arcebispado de Santiago e neste estivo presente tamén a directora xeral do Patrimonio Cultura, María Carmen Martínez Insua.

A consellería destacou que a Xunta "é consciente da importancia" desta igrexa e, por iso, o día que se produciu o incendio --o 25 de decembro de 2013--, Vázquez Abad desprazouse a Muxía para coñecer o estado do templo.

Ademais, recordou que os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural avaliaron os danos e declararon "o carácter de emerxencia para a redacción do proxecto básico e de execución da obra de rehabilitación".

O proxecto que o conselleiro entregou a Barrio cifra "por contrata en 719.000 euros a recuperación" do santuario. A cantidade, resalta a consellería, non difire da previsión inicial dos técnicos da Xunta, feita en decembro.

O documento, explica Cultura, indica como deberá realizarse a consolidación dos muros de fábrica de pedra na zona de cuberta e dos recheos das bóvedas, ademais da construción da estrutura de madeira da cuberta da nave oculta e da sancristía, así como da cuberta de lousa. Tamén prevé a limpeza, restauración e reposición de rexuntados das fábricas de pedra danadas polo incendio.

Ademais, o proxecto inclúe a limpeza do pavimento de pedra da nave, a reposición das carpintarías de madeira danadas e a incorporación de ventás, ademais dunha nova instalación de electricidade, iluminación e protección fronte aos raios. Tamén se instalará megafonía interior, a sinalización de emerxencia e o novo mobiliario litúrxico "mínimo" que consistirá nunha mesa de altar, tres cadeiras para os oficiantes e un ambón.

Te puede interesar