O 'Rei do Faquirismo', o galego Ángel Curtis, leva ao papel as súas memorias

O galego Ángel Díaz Pérez, un dos faquires máis famosos de España, e que é máis coñecido polo seu nome artístico, Ángel Curtis, e por ser o Rei do Faquirismo, decidiu levar ao papel as súas memorias, nas que relata a vida que levou ao se consagrar a este oficio, que compaxinou co de curandeiro

Despois de corenta anos de dedicación profesional, reflectidos na obra autobiográfica 'Mi vida, el fakirismo y las terapias naturales', nin as anécdotas nin as personalidades para as que actuou este home son escasas ou pouco curiosas, como conta na súa entrevista coa Efe.

Nomes como o ex presidente da Generalitat de Cataluña Jordi Pujol, o premio Nobel Camilo José Cela, o intérprete Camarón de la Isla, os actores Fernando Fernán Gómez e Daniel Dicenta, a actriz Lola Herrera, o ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor ou o príncipe Alberte II de Mónaco son algunhas das personalidades que puideron gozar das súas actuacións.

A vertente de curandeiro está ligada á de faquir: "Foi na meditación transcendental onde encontraba eu a fonte do que nós chamamos intelixencia interior, a química, a farmacia que temos no noso organismo", sinalou Díaz hoxe, día en que presenta publicamente o libro.

Cando se fala da figura do faquir pénsase, recoñece Curtis, nun home que desafía a dor, facendo gala dun extraordinario control mediante diversos métodos, para así poder deitarse sobre unha cama de pinchos ou atravesar as carnes con agullas e ganchos.

A resistencia dos faquires á dor fixo que as súas fazañas parezan practicamente imposibles e que se admire, xa que logo, a súa gran capacidade de concentración e meditación.

Non en van, as habilidades parecen case imposibles: introducir un cravo ou un puñal de doce centímetros polas fosas nasais, dobrar metais coa mente, soportar enriba dunha mesa de cravos o peso de oito persoas, romper cristais con pés e antebrazos, perforar fazulas e gorxas con agullas, subir por escaleiras de gadañas ou pórse de pé sobre o fío de dúas navallas de barbeiro.

Para o común dos humanos suporía un serio perigo para a súa integridade física realizar algunhas destas prácticas, e, no entanto, non o é para Ángel Curtis, quen conta que esta capacidade non se debe a unha mutación xenética como insinuou unha investigación da Universidade de Cambridge en 2006, senón ao mero control da dor.

"O faquir ten que sentir dor ou non sería humano", mais emprega determinadas disciplinas para ir compensando e paliando ese dano, detalla.

"Nós temos que o contrarrestar a través da mente, focalizar a dor e anestesiar a parte que se vai utilizar a través de neurotransmisores e de transdutores de enerxía e de vibración", engade.

Así, Ángel Curtis subliña que a alteración da química se produce a través da meditación transcendental e da concentración, tomando como base o pensamento a modo dun elemento efémero, unha forza de información e de enerxía, e non dunha maneira literal, como se entende comunmente.

"Nós levámolo máis alá", incide este artista oriúndo do municipio de Curtis (A Coruña), quen ademais salienta que toda "información extra" permite chegar ao estado de transo que supera a conciencia ordinaria e, por tanto, alcanzar as proezas finais dun espectáculo que nada ten que ver nin co ilusionismo nin coa maxia e que, grazas ao traballo de profesionais como el mesmo, alcanzou a distinción de "interesante".

E todo iso a pesar de que se adorne "coa parafernalia, entre aspas, que rodea os shows" que se programan.

Ángel Curtis debulla no seu primeiro libro, dunha maneira amena e divertida, os detalles ocultas desta ciencia case descoñecida, contando de forma "moi telegráfica" os seus inicios en Madrid, "fortuítos e casuais", polo menos até que decidiu especializarse para ir se superando cada día e "crear unha profesión".

Un monxe lama, un mestre que traballaba no teatro Circo Price de Madrid e un libro da India sobre os enigmas deste paraíso foron os tres elementos que influíron na súa inspiración, a pesar de que xa tiña el "condicións innatas", aínda que ocultas baixo un veo polo seu carácter supersticioso.

Falar de Ángel Curtis é falar de moitos homes nun, e, por iso, despois dunha traxectoria de éxito quixo dedicar unha parte do seu traballo literario a opinar sobre a sociedade actual, na que avoga por unha superación da mente primitiva e polo desenvolvemento "dun cerebro superior cunha conciencia máis pura e máis universal".

"Non avogo por esta filosofía, senón por esta realidade, que é a esencia da vida para que non vivamos despropósitos e cousas descerebradas como guerras ou grandes fames que provocan unha falta de atención sobre cousas máis elementais", razoa.

O Rei do Faquirismo leva toda a vida dedicado en corpo e alma a esta técnica que "se necesita", non obrigatoriamente, "mais si para estimular certas partes dun corpo", e á que agora non lle pode dedicar as mesmas horas porque instalou un centro na súa vila natal para axudar os que necesitan del como curandeiro polas súas terapias naturais.

Un traballo, este último, co que se sente "identificado" mais que non lle permite pensar na xubilación: "Non creo niso da vellez como nola ensinaron, senón como algo biolóxico e non cronolóxico", conclúe este sexaxenario.

Te puede interesar