Conselleiro de Cultura

Varela: ‘Piñeiro teorizou a identidade galega’

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela. (Foto: Lavandeira Jr.)
O conselleiro de Cultura Roberto Varela considera ‘moi acertado’ adicar o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro porque ‘foi un dos que mellor desenvolveu a identidade galega de maneira teórica’.
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, cre que ‘sempre é oportuno’ lembrar a Ramón Piñeiro, un autor ‘galeguista, pero non nacionalista’, porque foi un ‘dos que mellor desenvolveu a identidade galega de maneira teórica’.

¿Que opinión lle merece Ramón Piñeiro, tanto como intelectual como político?


A principal característica que se pode destacar del como ensaísta é que elaborou moi ben unha teoría sobre a toma de conciencia do galeguismo, a formación dunha identidade galega. Esta identidade galega sempre existiu, pero Ramón Piñeiro foi un dos que mellor a desenvolveu de maneira teórica.

¿Que obras destacaría do autor de Láncara?


Eu só lin dúas obras del, ‘Filosofía da saudade’ e ‘Galicia’, un libro no que está a quintaesencia do carácter galego, fácil de ler, e que lle recomendaría a todo o mundo. E moi difícil dicir máis cousas con tan pouca letra, é moi interesante. A contribución de Ramón Piñeiro foi a busca desa identidade galega que, ás veces, parece que nos resulta difícil de encontrar. El púxolle letra, palabras, a esa identidade.

¿Cal é a saúde da literatura galega?


A literatura foi tradicionalmente un dos nosos fortes, e penso que continúa sendo moi forte. Eu traballei moito en Nova York, de cónsul, e levamos moitos escritores galegos a esa cidade, onde tiveron un impacto bastante grande. Na Universida de de Nova York existe unha Cátedra de Literatura Galega e temos un valor aí, un valor engadido moi importante.

¿Como concibe a cultura galega?


Cando digo cultura galega, para min son dúas: a cultura que se fai en galego e a cultura que se fai en Galicia. Non se deben pisar a unha á outra, senón que ambas as dúas deben ter cabida. No que se refire á cultura en galego, estamos dispostos a protexela e incentivala o máis posíbel, sempre deixando posibilidades para outras culturas. E fundamental manter ese equilibrio e esa dualidade se queremos saír ao mundo e ampliar os horizontes.

¿Como valora a situación actual da cultura galega?


A situación da cultura en xeral vai mellorando co tempo. Temos algúns déficits. Curiosamente, nun país que produce tanta literatura, resulta contraditorio que esteamos por debaixo da media europea en lectura. Hai máis creación que consumo, e quizais o que hai que favorecer agora é o consumo, que a xente lea máis e compre máis libros.

¿Como pretende incentivar ese consumo de cultura?


Unha das prioridades será a proxección no estranxeiro, para darlle maior saída. Despois, hai que actuar nos incentivos de creación: apoiar as industrias culturais, os escritores, editores... E, ao mesmo tempo, hai que apoiar e fomentar o consumo, e refírome a culturizarse, a ler, a ver programas de televisión, o audiovisual, as artes plásticas... Hai que fomentar a lectura, e así foméntase a creación. Tamén hai que crear unha rede de coleccionistas e apoiar as galerías.

¿Tanto a cultura como a literatura de Galicia van ligadas ao idioma galego. Cal é a súa situación?

A situación do galego mellorou moito. E unha lingua que sufriu moitos avatares pero sobreviviu. Estamos falando dun idioma que ten unha idiosincrasia moi forte, ao final, ninguén conseguiu acabar con el. A situación é boa en xeral, o seu uso está moi implantando na socie dade como idioma cooficial e ten que seguir así. Unha das miñas tarefas será manter iso e protexer a cultura galega.

Se vivise, ¿que pensaría Ramón Piñeiro do Decreto que regula o uso do galego?


Habería que preguntarllo a el (ri). Todos sabemos que el era galeguista, non un nacionalista... Isto, desde o meu punto de vista, porque pode ser interpretado. Era un galeguista como son eu, dalgunha maneira, pero non son un estudoso de Ramón Piñeiro como para aventurarme. Pero era galeguista e eu penso que temos que ser galeguistas.

Te puede interesar