Xosé Neira Vilas gaña
o premio Otero Pedrayo

O galardón recoñece a contribución do escritor a cultura e letras galegas 

Xosé Neira Vilas foi galardoado co premio Otero Pedrayo 2013, segundo acordo unánime do xurado, reunido onte na Deputación de Pontevedra. O premio, organizado de forma rotatoria polas deputacións galegas, recoñece a contribución á cultura galega, a promoción dos valores propios, a ilustración da cidadanía e a mellora das institucións no campo das letras e o coñecemento.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, definiu a Neira Vilas, autor das celebérrimas 'Memorias dun neno labrego', como "o candidato de todos os cidadáns da cultura galega".

Neira Vilas, que naceu en Gres (Vila de Cruces) en 1928, regresou a Galicia a principios dos anos 90 despois de pasar máis de catro décadas na emigración, primeiro na Arxentina e sobre todo en Cuba, e foi aclamado pola súa perspectiva literaria sobre a infancia na posguerra e sobre a emigración.

Participaron na reunión do xurado o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o investigador do CSIC Isidro García Tato; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; o escritor Luís González Tosar; o técnico de Xestión Cultural da Deputación coruñesa, Felipe Senén López, e tres deputados provinciais.

Te puede interesar