Benito Fernández, presidente da Fundación Galicia Empresa

“A empresa ten que ter alma e en Galicia é galega'

Foto: Santy
Normalizar o uso do galego na empresa; defender a poliglosia na actividade empresarial en Galicia; promocionar a investigación das características peculiares da empresa galega e fomentar o diálogo e as publicacións relativas á relación entre empresa e a realidade económica, social e cultural de Galicia, son os obxectivos da Fundación Galicia Empresa.
“E queremos facelo dun xeito absolutamente natural, sen ningún tipo de imposicións”, afirma Benito Fernández González, presidente da entidade, formada por firmas como Gadisa, Terras Gauda ou R, entre outras 60. En total empregan a 25.000 traballadores e facturan 7.000 millóns. Benito Fernández (A Estrada, 1948) é Enxeñeiro de Camiños e foi o primeiro director xeral de Urbanismo da Xunta no ano 1982. Na actualidade dirixe Engasa, Enerxía de Galicia.

¿Que momento está a vivir a fundación?
Nestes momentos a nosa situación é de pleno compromiso coa nosa terra. Temos que ter en conta que, nestes intres, a fundación está integrada por case 60 empresas que empregan a máis de 25.000 traballadores e facturan uns 7.000 millóns. Somos un colectivo moi importante dentro de Galicia, e teño que dicir que as empresas que forman parte desta fundación asumen este ideario. En xeral, todas elas teñen ese compromiso de ir máis aló co fomento da cultura galega. Non somos un grupo de intereses, esto é unha paixón pola defensa das nosas raíces.

E nun contexto de crise como o actual, ¿que función debe desenvolver a entidade?
Pois un papel inmaterial, un papel de transmitirlle ao pobo que a crise existe, está aí, pero que entre todos podemos superala. Aí xogamos un papel moi importante todos os empresarios, e por iso debemos transmitir mensaxes optimistas. É a clave para lograr un futuro prometedor, e é a actitude das empresas que forman parte da fundación. Estamos en Galicia, a marca Galicia vende e cada vez vende máis. As empresas galegas que saen ao exterior demostran que son das mellores e, polo tanto, esa é a mensaxe que hai que transmitir. Somos dos mellores empresarios de España, xente seria e traballadora. Está máis que demostrado.

Semella que os empresarios teñen máis preocupacións...
Evidentemente, pero observo que fronte a esta adversidade, a nosa defensa é unha postura ética, una forma diferente de entender a empresa. A empresa ten que ter alma e en Galicia a alma ten que ser galega independentemente de que vivamos nun mercado global. É compatible.

¿Empatiza a sociedade galega co seu mundo empresarial?
Lamentablemente creo que non, que non se coñece moito a nosa historia empresarial nin as nosas traxectorias. Parte da culpa é nosa, que non somos moi dados a estar nos medios de comunicación. Preferimos facer unha labor tranquila, sen estridencias. Nunca nos pronunciamos sobre cuestións políticas nin cuestións que poden ser polémicas. Temos moi claro que a nosa función é apoio á cultura galega, tal e como fixeron anteriormente moitas empresas da nosa comunidade que, a día de hoxe, aínda existen. Se a parte empresarial renega da súa lingua, mal vamos.

¿Como incrementar o valor da fundación na sociedade?
De momento o que queremos é incrementar o número de membros. É algo que non resulta fácil, a xente como é lóxico está máis pendente de temas económicos que de cousas inmateriais, como é o noso ideario, pero seguimos a ter unha gran receptividade. Intentamos achegar a participación de diversos sectores, para acadar unha diversificación tanto no sectorial como no territorial. Intentamos chegar á sociedade con reunións, seminarios e coa prensa especializada. Temos empresas magníficas que a sociedade non coñece, temos empresas punteiras en tódolos sectores.

E todo “sen imposicións”, como di. A lingua e o seu uso segue a ser motivo de posicionamento ideolóxico...
Todo o debate que hai arredor da lingua é algo que seguimos a ver a diario. A lingua non é patrimonio de ninguén, para querela non se pode impoñer. Pasa na ensinanza xeral, no que o afán de impoñer a lingua produce incluso un rexeitamento por parte dos alumnos. Para que sexa máis utilizada, hai que defendela como un patrimonio propio, como un motivo de orgullo.

¿Que opina da perda de identidade do sistema bancario galego?
No seu momento xa nos pediron que nos pronunciaramos e non o fixemos, e non o faremos agora.

Te puede interesar