Galicia encadea catro trimestres de crecemento da economía

Un dos datos máis relevantes que destacou é o crecemento do gasto en consumo final dos fogares, que creceu un 0,2%

A economía galega encadeou catro trimestres de crecemento, cunha suba intertrimestral no segundo período de tres meses de 2014 do 0,3%, dúas décimas máis que entre xaneiro e marzo, o cal non sucedía dende o inicio da crise, e un 0,5% fronte ao ano anterior.

Con estes datos, que supoñen o mellor trimestre da economía galega dos últimos tres anos --dende 2011 non se rexistrou un crecemento superior ao 0,2%--, e "se se mantén a senda", o Goberno galego non descarta revisar á alza a previsión de crecemento do 1,2% que se fixou para este ano.

"Pensamos que pode haber un bo rexistro para o peche do ano. En principio podemos pensar que pode ser para arriba", dixo o director do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión, quen, a liña seguida, aclarou que prefería "non se pronunciar" nun sentido ou noutro, aínda que si augura que haberá "correccións" ao final do exercicio.

Un dos datos máis relevantes que destacou é o crecemento do gasto en consumo final dos fogares, que creceu un 0,2%, situándose en positivo por primeira vez dende 2008.

O sector servizos é o que máis creceu, ata o 2,2% con respecto ao segundo trimestre de 2013, co que logrou o maior incremento interanual dende o ano 2010, un "moi bo comportamento", en palabras de Campo Andión.

A "nota negativa" púxolla ao sector industrial, en concreto, que segue en decrecemento aínda que mellorou no medio punto con respecto ao trimestre anterior. Con todo, o director do IGE subliñou que o indicador de entrada de pedidos é positivo e, polo tanto, espera que "se materialice" e isto permita "ter boas cifras nos próximos trimestres".

Te puede interesar