Medio Rural pagará este mes 5,6 millóns de axudas pendentes de 2010

A Consellería de Medio Rural eliminou hoxe calquera 'dúbida' acerca da súa intención de abordar os pagamentos correspondentes ás axudas agroambientais do Contrato de Explotación Sostible (CES), co aboamento enste mes de 5,6 millóns de euros das solicitudes pendentes en 2010.

O titular do departamento autonómico, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, informou hoxe nunha rolda de prensa destas axudas, coas que se completarán 15,2 millóns de euros a case 4.000 explotacións agrícolas e gandeiras relativas ao CES.

Este contrato enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, que aspira á mellora do ambiente e o seu medio rural e o uso sostible das terras agrícolas.

Así, estes pagamentos realízanse unha vez que os solicitantes xustificaron en maio de 2010 o cumprimento dos compromisos coa presentación do caderno de explotación do ano anterior, co apoio dos técnicos das entidades que asesoran sobre as explotacións e despois de que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) fixese os controis administrativos correspondentes.

Desta forma, Medio Rural 'cumpre co seu compromiso' e recoñece as 'boas prácticas' das 3.754 explotacións que pediron estas axudas, cofinanciadas en 57,56% polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e o resto a partes iguais pola Comunidade Autónoma e a Administración xeral do Estado.

Por provincias, Lugo conta coa maior cantidade de axudas pagas, 66%; seguida de Ourense (16%), A Coruña (11,5%) e Pontevedra (6,5%).

No referente ás 837 novas solicitudes presentadas na campaña de 2010 e, xa que se aboan unha vez que se verifica o cumprimento dos requisitos, o que adoita ocorrer no ano seguinte, Juárez subliñou que se aprobarán e que se aboará a axuda total por uns catro millóns de euros este ano.

Despois de pormenorizar estas cifras e 'aclarar' o funcionamento destas axudas pola 'confusión' que se puido xerar nestes meses, insistiu en que 'non hai ningunha dúbida da intención da Consellería de abordar estes pagamentos' nin hai 'negociación posible nin nada polo estilo', pois tiña 'claro' que cando as solicitudes reunían as condicións establecidas se ían aprobar e pagar.

Así, Juárez aludiu novamente a que este programa de desenvolvemento rural remunera os agricultores e gandeiros que implementan con beneficios ao campo as condicións mínimas establecidas polas axudas de pagamento directo da Política Agrícola Común (PAC).

Ao fío diso, lembrou que en 2009 se pagaron máis de 14 millóns de euros en concepto destas axudas aprobadas en anos anteriores que non se aboaron, aínda que precisou que se fixeron cambios en solicitudes aprobadas que non cumprían a normativa europea, por exemplo en relación ao menor uso de fertilizantes minerais ou fitosanitarios 'onde non era crible que se utilizasen'.

O conselleiro dixo tamén que 'non é de lei' que se producisen outras situacións no campo galego, que obrigaron a axustar baremos para que os pasteiros primasen sobre os pastos arbustivos.

Iso 'non significa reducir axudas' nin que haxa menor número de solicitudes, precisou, pois as explotacións acóllense a máis dunha liña de axudas e, neste caso, a que non se axustaba á normativa comunitaria era a de control integrado. EFE

Te puede interesar