A Semana Verde presenta en Silleda produtos de 589 empresas

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, comprometeuse a promover certames como a Semana Verde de Galicia, que arrincou onte en Silleda (Pontevedra), porque constitúen un punto de encontro sectorial e contribúen a difundir os avances técnicos do medio rural. Un total de 589 firmas de 15 países están presentes na 33 edición da feira, que este ano incorpora como novidade a celebración de xogos ecuestres, nos que participan 300 cabalos de competición procedente de diversos puntos de España.
Juárez destacou a 'vocación' de Silleda por desenvolver, modernizar e mellorar de maneira constante os sectores agrarios, gandeiros e forestais, actividades que, asegurou, son estratéxicas para Galicia. Con motivo desta feira, a Xunta concertou diferentes reunións de traballo con máis de 150 compradores nacionais e internacionais na actividade paralela Salón de Alimentación do Atlántico.

Te puede interesar