“Que os ourensáns me den unha oportunidade; se non cumplo, dimito"

12.09.16.OURENSE.NOA PRESAS.CANDIDATA BNG POR OURENSE.
photo_camera Noa Presas no xardín de Os Caracoles.

Toma un café con xeo na Derrasa mentras explica que chega do fisio. Ten a espalda contracturada. Esas dores ou a falta de sono son para Noa Presas (Ourense, 1987) consecuencias de levar dez meses instalada nunha campaña electoral perpetua.

Cabeza de lista por Ourense en dúas xerais, onde os resultados "non foron satisfactorios", agora chega ás autonómicas. Enfréntase ao reto de manter no Hórreo o escano nacionalista pola provincia que o partido retén dende 1989. "Se a xente confía en min, prometo deixar de dar o coñazo e poñerme a traballar pola nosa terra –bromea–. Se logo hai terceiras eleccións en Madrid? Quedaríame en Galicia, é o meu marco político".   

Pode identificarse coa frase aquela de Garzón de “queredme menos y votadme más"?

Nas outras dúas campañas había xente que dicía "Jolín, e que se fose nas galegas...". Agora é o momento. Nen o noso  peor inimigo pode negar que eiquí somos referencia. Toda esa xente que mirou antes  para nós... seguimos aquí, somos as mesmas persoas que levamos o proceso de renovación do BNG. Asumimos a experiencia e os erros do pasado, e o propósito de facelo mellor. Que me den a oportunidade. Se non cumplo, dimito. 

O 2009 foi punto de inflexión. O bipartito cae, logo o BNG perde poder territorial e os deputados en Madrid. Semella que  chegan unhas eleccións cruciais.

Ninguén nega que é un momento complicado. Pero se miras na historia do Bloque non é unha situación nova. Pero o proxecto permanece. Confío en manter grupo parlamentario e ogallá ser chave nun cambio de goberno. Rematar coa era Feijóo igual que fixemos coa de Fraga. 

O risco é quedar coma a aldea dos irreductibles galos. 

Moitas veces acúsanos de resistencialistas. Prefiro darlle a volta e ver que non nos resignamos. O BNG é unha ferramenta para solucionar os problemas da xuventude. Se non crese nisto, non asumiría o custo persoal. Sería máis cómodo estar na casa ou noutros espazos que viven mellor momento electoral. 

No 2013, dentro do Movemento Galego ao Socialismo, facía fincapé na necesidade de “superar a vinculación coas forzas sistémicas". Iso de que o Bloque na oposición di unha cousa e no Goberno, outra. 

Se cadra non soubemos poñer en valor o feito nas institucións. Moitas cousas que agora ocupan telediarios, como chegar ao Concello de Ourense e renunciar ao privilexio de acceder co teu coche ao casco histórico, xa as fixera o BNG. E parece que agora é un invento. 

Alude a En Marea-Podemos. Sempre foi moi crítica con eles. Está a esquerda obsesionada coas liortas internas? 

O debate non é malo, e a confrontación de opinións, tampouco. Moitas veces dende a propia esquerda somos hipercríticos coa crítica, en vez de tomala de xeito natural. É obvio que entre o espazo de En Marea e BNG hai cuestións en común, pero tamén diferentes. Confío que se temos que chegar a  un consenso, fóra ou dentro do Parlamento, poidamos acadalo.  

Precisamente, en xuño berrou ‘hostia' pola parálise que se vivía no Congreso: “Como hostia non vou ter presa". Catro meses despois todo segue igual. 

O tempo demostrou que cuestións que diciamos estaban atinadas. Xerouse unha expectativa de cambio político que aínda non está claro por que non aconteceu. Isto xera unha frustación na base social que logo ten consecuencias; a esquerda perde credibilidade. 

Estas autonómicas semellan moi contaminadas por Madrid. 

É un risco que se estatalice a campaña, hai que centrala na Galiza. E neste eido, unha forza coma o BNG é indespensable. 

Galicia necesita ao Bloque?

Non me gustan estos enunciados que semellan paternalistas. Pero creo que é ao revés. O nacionalismo é necesario para Galiza. Para condicionar debates coma o do modelo de financiamento autonómico, que Núñez Feijóo leva obviando catro anos. Algo que tamén facemos dende a oposición, como cando se recuperou, grazas a nos a nosa deputada Carme Adán, o salario de liberdade para as mulleres maltratadas. Unha cuestión que, por certo, conseguírase no bipartito. Unha época na que, cos seus defectos, obtivéronse cuestións reais. 

E nestes últimos oito anos, que conseguíu Feijóo?

Unha catástrofe para todo o país. Oito anos de tempo perdido, nos que aínda por riba se desmantelaron cuestións nas que se avanzaran, coma na política de Medio Rural ou na lingua. E agora chega a Ourense, con todos os problemas urxentes que temos, e promete un Aquapark. Non pode ser. É un disparate, unha tomadura de pelo. 

Cal é o futuro de Ourense?

Pasa por tomar as rendas, e decidir nós sobre o noso. Forzar un cambio político que implemente cambios profundos. Se colocas parches, ao final a tea rompe.

O outro día falaba da xeración ‘Nunca Máis'. Ten esperanzas?

Só podemos confiar. Os meus pais emigraron e conseguiron volver. Nun momento decidín que quería quedar eiquí e vivir con dignidade. A nosa xeración ten que asumir que a emigración debe ser a última opción. Temos que loitar por seguir eiquí. Rematar co mito de que estamos durmidos, e actuar. Políticamente, e tamén socialmente. 

Frasea Malandrómeda: “As palabras dos tiranos están cheas de palabras feas. Tolerancia, democracia, Galicia". A canción chámase ‘Emerxencia'. 

En eleccións semella que todo o mundo é hipergaleguista, non sei como o BNG non acada maiorías absolutas. Ao final fóra da retórica e do teatro, está a realidade e os feitos. E eu pido que a xente valore isto. Por moito que poña esa imaxe folclorizante do mapa galego, vaia a comer o pulpo e autodenomínese o maior defensor de Galicia, un presidente do Goberno queda delatado polos feitos. E o papel de Feijóo foi o súbdito de Rajoy, sen importar se beneficiaba ao país. Están gobernando para as elites, sen importar a maioría. 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S