Os nenos de Carballiño celebran o seu Entroido na Insua dos Poetas

Disfraces da pasada edición, na Insua dos Poetas.
photo_camera Disfraces da pasada edición, na Insua dos Poetas.

A Fundación Insua dos Poetas acordou, en 2022, organizar un Entroido popular dedicado aos máis pequenos. Así, as nenas e nenos da comarca do Carballiño, terán oportunidade de participar no seu terceiro encontro para celebrar esta festa, segundo apunta o presidente da fundación, Luis González Tosar.

Será no predio de A Esgueba, na parroquia de Madarnás (Carballiño), no que xa está case todo previsto para que o vindeiro sábado, día 24, a partir das 16,30 horas “destaque a creatividade da cultura popular acompañada da música e, como non, da gastronomía entroideira”, sinala González Tosar.

O espectáculo contará coa presenza de Os Parrandas do Irixo, agrupación de mozas e mozos que acadou o premio do Entroido do Carballiño coa creación propia “Unha leira de millo”. A conducción do programa correrá a cargo do Mago Deimi e haberá variadas atraccións  que inclúen paseos a cabalo para os máis novos.

A organización anuncia que, a pesar do descenso das temperaturas previsto para a fin de semana, haberá unha carpa acondicionada para a celebración deste evento.

Ademais, repartiranse lotes de libros e xogos didácticos, como é habitual na Insua dos Poetas, entre los premiados do concurso de disfraces, previsto en tres categorías: de 0 a 6 anos, de 7 a 10 e de 11 en diante.

Te puede interesar