FORO LA REGIÓN

“O Himno Galego consolidouse polo apoio das Irmandades da Fala”

O filólogo Manuel Ferreiro e o musicólogo Fernando López-Acuña descubriron as claves da composición de Eduardo Pondal

Carlos Oro, Fernando López-Acuña e Manuel Ferreiro, durante a súa conferencia sobre o Himno Galego. (X. FARIÑAS)
Carlos Oro, Fernando López-Acuña e Manuel Ferreiro, durante a súa conferencia sobre o Himno Galego. (X. FARIÑAS)
“O Himno Galego consolidouse polo apoio das Irmandades da Fala”

O filólogo Manuel Ferreiro e o musicólogo Fernando López-Acuña protagonizaron onte o Foro La Región coa súa charla-coloquio "Aproximación histórica ó Himno Galego", na que descubriron as claves do himno.

Na súa presentación, o profesor Carlos Oro destacou o feito de que puido xuntar a ambos estudosos nun vídeo encargado por La Región "e que nos permitiu acudir  a buscar as raíces do himno en América, nun traballo dun ano".

López-Acuña lembrou no arranque do seu discurso que houbo outras propostas hímnicas, como a de Alfredo Brañas de 1911 "e o de Ramón Cabanillas, que foi asumida polas organizacións agrarias no seu día". Tamén aclarou que a letra de Pondal "foi creada, dende un comezo, para ser tal himno", e apuntou que "non foi na Habana onde se interpretou inicialmente, senón nos orfeóns que dirixiu Pascual Veiga en Madrid".

A data clave é 1890. Nese ano, convócase na Coruña un certamen de orfeóns para "crear a mellor marcha para orfeón co poema 'Os Pinos',  unha peza como 'A Marsellesa", segundo sinalou Fernando López. "Pondal envía un borrador de texto a Pascual Veiga, aínda con correccións a lapis, e Veiga pídelle que as segundas sílabas de todos os versos teñan un acento tónico", explicou Manuel Ferreiro. O filólogo incidiu nas diferenzas existentes entre o texto que actualmente se canta e o orixinal, onde frases como "valeroso clan" mudaron en "valeroso chan".

O musicólogo Fernando López retomou o fío da conferencia lembrando que ó certame coruñés de 1890 "preséntanse 10 propostas" e a creada por Veiga, pero o pouco tempo existente non permitiu que a súa composición composta para o peche do certame puidera ser interpretada, "o que lle doeu" e o levou a Madrid co seu himno.

Nun novo concurso en Lugo en 1896, gañado polo Orfeón Unión Ourensana, Veiga acudiu como director do Orfeón de Madrid, "e é posible fabular que nese foro fora a primeira interpretación", apuntou López.

A difusión do himno foi en 1907 na Habana e espallouse polos centros de emigrantes no exterior, pero iso conlevou que, co motivo da súa impresión en Cuba, "houbera, seguramente, os erros de linotipia que fixeron mudar o texto orixinal de Pondal", explicou Ferreiro. Engadiu que a consolidación do himno "foi grazas ás Irmandades da Fala". A charla rematou coa audición de senllas versións do Himno Galego, unha a ritmo de marcha militar e outra polifónica.