FORO LA REGIÓN

Neira Vilas: “A emigración converteu Galicia nun pobo de nenos e de vellos”

O escritor, que lamentou as consecuencias, recoñeceu que gracias aos emigrantes moitos mozos puideron estudar aquí

 A nova tempada do Foro La Región quedou inaugurada onte cunha homenaxe á emigración Galega a América. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación do último libro dun dos autores máis importantes da literatura galega, Xosé Neira Vilas. "Cen sementes galegas en América" é unha recopilación dun cento de esquemas biográficos de emigrantes galegos que aportaron "moitas cousas ó continente", explicou o autor, "aportes de tipo cultural, social, económico e mesmo militar".

O profesor ourensán e articulista de La Región, Afonso Vázquez-Monxardín, foi o encargado de introducir a ponencia de Neira Vilas, ó que cualificou de "xenio das nosas letras". Logo dunha síntese da forte e importante pegada que o escritor deixou en América, coa publicación de libros de diversos xéneros e a difusión da lingua e cultura galegas, deu paso á intervención de Neira Vilas. 

"A emigración galega non é como as demáis. Nós lembramos o noso lugar de orixe, recordamos as festas e temos unha morriña gastronómica", apuntou. A emigración, tanto a América como a outros países e continentes, "foi unha perda para toda Galicia, que se converteu en pobo de nenos e vellos", engadiu. O escritor destacou as enerxías que levaron aos emigrantes "e que non puideron desenvolver aquí".

Con todo, dixo Neira Vilas, "a sociedade galega beneficiouse da emigración, porque moitos mozos puideron estudar aquí grazas a que seu pai  traballaba en América". Moitos monumentos, arte, cultura, música, o himno e a bandeira galega "tamén naceron cos galegos emigrantes", engadiu.
Na súa intervención, o escritor destacou algúns dos relatos recollidos no libro, neste caso ourensáns, aproveitando a súa visita á cidade. Así, contou a historia do ourensán que levou o carro de bois a México cando viu que os homes cargaban as mercancías ás costas. O secadeiro de café con teito corredío chegou á Arxentina das mans doutro ourensán. Ademáis, a lingua e a cultura galegas afincáronse do outro lado do Atlántico grazas á creación de escolas e centros de máis dun ourensán -e de outros puntos de Galicia-. 

Te puede interesar