30.000 sinaturas para defender os dereitos dos galego falantes

Máis de 30.000 sinaturas servirán de aval para unha proposición de lei para defender os dereitos lingüísticos dos galegofalantes que tramitará o grupo do BNG, e na que se recollen os preceptos da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma 'Queremos Galego' e que foi rexeitada no seu día pola Mesa do Parlamento baseándose nun informe xurídico dos servizos da Cámara.
A iniciativa popular tomará forma de proposición de lei porque os nacionalistas, segundo explicaron, pretenden dar voz a este colectivo (do que forman parte) na Cámara unha vez rexeitada a súa tramitación pola anterior vía, de maneira que a intención dos nacionalistas é defender a proposición a debate cun argumentario consensuado pola plataforma. O informe xurídico aludía a unha 'imposibilidade de tramitación' por afectar a unha lei de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía, pero a plataforma acusa o PPdeG de 'impedir' que seguise o seu curso.

Con todo, malia que non entrou a trámite, os membros da plataforma iniciaron unha recollida de sinaturas simbólica para facer valer sentir 'dos galegos' en favor do 'dereito a vivir' no seu idioma . Agora, a presentación das sinaturas coincidiu coa conmemoración do primeiro aniversario da manifestación convocada por esta plataforma e que aglutinou máis de 50.000 persoas na capital galega.

'Non queremos que lle quiten dereitos a ninguén, senón que se respecten os dos galego falantes', manifestou o presidente de 'Queremos Galego', Carlos Callón, tras presentar no rexistro do Parlamento as 30.000 rúbricas acompañado do intelectual Avelino Pousa Antelo e a escritora Iolanda Castaño.

Te puede interesar