Case a metade dos da provincia de Ourense teñen como ingreso principal algunha prestación pública, según os datos do IGE

O 58% dos fogares galegos chegaba a fin de mes con dificultades en 2008

José Antonio Campo Andión, director xeral do Instituto Galego de Estatística.
Máis da metade dos fogares galegos afirmaba a termo de 2008 chegar con dificultade ou moita dificultade a final de mes, fronte ao 41,4% que o facían con facilidade ou moita facilidade, segundo a Enquisa de Condicións de Vida das Familias feita pública polo Instituto Galego de Estatística.
Segundo os datos desta entidade, o 47,6% dos fogares galegos chegaba con dificultade a final de mes en 2008, mentres que o 11% o facía con 'moita dificultade' e o 41,4%con facilidade ou moita facilidade. Por áreas xeográficas encabeza a lista a zona de Cangas-O Salnés, onde o 70,41% dos fogares tiña dificultade ou moita dificultade para chegar co fin de mes, mentres que, na outra banda, na zona de Ourense sur estaban nesta situación o 47,6% das familias.

Segundo explicou José Antonio Campo Andión, director xeral do IGE, os indicadores económicos mantivéronse relativamente estables entre 2007 e 2008, aínda que se prevé que a incidencia da crise económica 'sexa importante' nos datos relativos a 2009.

O 60,08% dos fogares galegos reciben os seus ingresos a través do traballo, mentres que o 38,54% recíbenos por prestacións. Por provincias é Ourense a que rexistra unha taxa maior de ingresos por prestacións, que son o ingreso principal do 48,93% dos fogares.


INCIDENCIA DAS PRESTACIÓNS

Paralelamente, o 26% dos fogares galegos reciben o 100% dos seus ingresos a través de prestacións. Este indicador afecta ao 23,9 % das familias de A Coruña, o 29,4% das de Lugo e o 22,5% das de Pontevedra. En Ourense, case 4 de cada 10 fogares reciben todos os seus ingresos por prestacións.

O ingreso medio mensual por fogar en Galicia situouse en 2008 nos 2.029 euros, un 0,15% máis que en 2007. Por provincias, A Coruña e Pontevedra sitúanse por enriba da media e Lugo e Ourense por debaixo. Entre as áreas con ingresos máis altos están a de Santiago -2.342 euros por fogar- e A Coruña -2,333 euros por fogar-, mentres que as máis baixas son as de Ourense sur -1.364 euros por fogar- e O Carballiño-O Ribeiro -con 1.506 euros por fogar- . O ingreso medio mensual por persoa situouse ademais en Galicia nos 761 euros, un 1,74% máis que o ano anterior.


RISCO DE POBREZA

A taxa de risco de pobreza en Galicia diminuíu en 2008 un 0,75% entre 2007 e 2008, ao pasar dun 14,63 por cento ao 13,88%. En todo caso, as cifras galegas sitúanse por debaixo do 19% no que está a media do conxunto de España.

Por provincias é Ourense, e especialmente Ourense sur, a que ten un maior risco de pobreza, con taxas do 21,71% en 2008, case tres puntos máis que en 2007. En contraposición, a taxa de risco de pobreza baixa ao 12% na provincia de A Coruña. Paralelamente, as localidades con menos de 10.000 habitantes son as que rexistran un maior índice de risco de pobreza, co 18,37%, fronte ao 11,09% dos núcleos de máis de 50.000 habitantes. Das grandes cidades só Ourense, cun 16,25%, supera a media galega.

Se se eliminan as transferencia sociais -pensións e axudas-, a taxa de risco de pobreza en Galicia elévase ata o 30,76% e sobe en Lugo e Ourense ao 35,11 e ao 40,05% respectivamente.

Te puede interesar