O BNG baseará os seus 50 actos de campaña na 'transparencia' fronte ao 'recorte á información' de PP e PSOE

Foto: EUROPA PRESS
Estará marcada por explicacións de 'ti a ti', e os gastos 'van estar moi por debaixo' de 'partidos que se presentan como austeros'
A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, presentou a campaña electoral da formación frentista que contará con máis de 50 actos do seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e estará baseada na 'transparencia' fronte ao 'recorte ao dereito á información' do Partido Popular que 'non admite preguntas', e ao PSOE que 'non deixa que as cámaras entren a gravar nos actos centrais dos mitins'.

En rolda de prensa, Montse Prado apuntou que a campaña 'A alternativa que che defende. O voto útil en Galicia' das próximas eleccións xerais arrancará en Santiago de Compostela -onde contará coa presenza do número un ao Congreso do BNG Francisco Jorquera- para dar lugar a un 'intensísimo' programa de actos, que proseguirá co primeiro grande mitin en Pontevedra e terá o seu peche en A Coruña.

Deste modo, Prado remarcou o BNG 'vai facer unha campaña de explicación', fronte a 'un PP que non quere admitir preguntas nin comparecencias', e a 'un PSOE que non van permitir nos mitins centrais que as cámaras de televisión entren a gravar'. Para o cal, o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, percorrerá 'tódalas bisbarras galegas' en 50 actos, nos que haberá 20 mitins e 30 encontros con diversos sectores das sociedade galega.

'Feijóo non debate, Rajoy non permite que os xornalistas lle fagan preguntas en roldas de prensa libres, e nin PP, nin e PSOE permiten que acudan as cámaras de televisión aos seus actos centrais', recriminou o BNG, ao tempo que censurou que 'parece que ao PP a democracia lle vén grande'.

Por iso, demandou a celebración de debates entre diversas forzas políticas porque 'os cidadáns teñen dereito á información'. Así, destacou que o BNG estará aberto a 'responder preguntas', así como a presentar ideas e explicacións 'fronte á campaña do PP que vai basear en recortes, tamén, ao dereito á información'.

Neste sentido, emprazou de novo ao presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, 'a que se atreva a debater', e a que explique 'por qué debateu en 2007 e en 2008, e por que se nega agora' a facelo.

SEN DISPENDIOS

A preguntas sobre os gastos dunha campaña centrada no 'benestar' dos galegos, Montse Prado asegurou que a mesma 'vai ser moi axustada', segundo dixo, 'non baseada en dispendios económicos'.

En concreto, subliñou que 'vai estar moi por debaixo do custo das campañas políticas doutros partidos que están a presentarse como austeros', e feito fincapé en que vai ser 'moi equilibrada e moi axustada'.

Así mesmo, preguntada sobre se o BNG espera ter os votos de desencantos co PSOE e PP, Prado dixo que a súa campaña vai dirixida a 'toda a cidadanía' como son 'os miles de galegos que ven como se ve agredido o seu sistema de vida'.

Ante a cuestión de qué obxectivos se marca o BNG para o 20 de novembro, Prado non quixo dar cifras concretas, senón que destacou que a formación frentista busca 'reforzar a presenza do BNG en Madrid'.

Ao respecto, a campaña contará 'con gran protagonismo' das bases e a militancia, baseada 'no contacto directo' cos galegos de 'ti a ti'.

VOTO ÚTIL

'Somos a única forza que garante que Galicia estea presente nos debates en Madrid', sinalou o BNG para incidir no 'voto útil' que supoñen os nacionalistas 'para facer fronte ás políticas de dereitas que está a facer o PSOE'.

Neste sentido, Montse Prado destacou que 'o BNG si ten propostas', entre as que incluíu a prohibición de expedientes de regulación de emprego en empresas con beneficio, a aposta por unha economía produtiva para crear emprego, a reforma do sistema fiscal, a supresión de deputacións ou que a Xunta consiga o 51 por cento das accións do FROB de Novagalicia Banco.

Todo iso, co fin de converter 'o desencanto' da cidadanía en 'acción' a tavés dunha oposición ás 'políticas de dereita' e cunha base radicada na 'indignación'.

Te puede interesar