BNG ve 'precipitado' trasladar marisco e pide solucionar o problema de fondo

O BNG considerou hoxe que a decisión da Xunta de trasladar marisco de zonas contaminadas a outras máis limpas é 'apresurada e precipitada' e avogou por solucionar o problema de fondo que afecta eses espazos do litoral galego.

A citada formación nacionalista galega respondeu así ao anuncio o pasado luns da conselleira do Mar, Rosa Quintana, dun plan para reinstalar o marisco procedente das zonas catalogadas como C, é dicir que non son aptas para o consumo, noutras áreas non contaminadas.

Ese plan permitirá 'rexenerar zonas improdutivas', ofrecer un trato 'moito máis igualitario' para os mariscadores de Galicia e pór 450 toneladas máis de mariscos no mercado, segundo a Consellaría, aínda que as confrarías da Coruña, Ferrol, Barallobre e Pontedeume o rexeitaron.

O deputado do BNG Bieito Lobeira indicou nunha conferencia de prensa que se trata dunha decisión 'exclusivamente política' que foi adoptada pola Xunta sen dispor aínda de 'estudos para avaliar a pertinencia ou viabilidade', polo que considerou que é como 'comezar a casa polo tellado'.

Lobeira considerou que as 4.000 persoas dedicadas ao marisqueo a pé son 'vítimas' de decisións políticas, polo que convidou a Xunta a 'dar marcha atrás decontado á decisión de eliminar os convenios coas confrarías' e restituír eses compromisos.

Así mesmo, o deputado, que mostrou unha proposición non de lei que presentará ante o Parlamento autonómico, avogou por 'solucionar o problema de fondo canto antes'.

Nese sentido, indicou que o BNG lle reclamará ao Goberno galego que presente 'nun prazo máximo de dous meses' un plan de acción, 'ría por ría, que estableza medidas concretas de descontaminación, dragaxe de lodos, eliminación de verteduras e depuración e saneamento integral, para evitar que existan zonas C'

Lobeira acusou os sucesivos gobernos do PP de desviar fondos destinados á depuración de augas residuais e ao saneamento das rías galegas a outros proxectos e sinalou que como consecuencia diso actualmente en Galicia 'non hai zonas A', como se denominan as áreas limpas, e calculou que a metade do marisco se produce en zonas B -de contaminación media- e a outra metade en zonas C.

Te puede interesar