Carmen Gallego Calvar: ‘Vigo é a capital mundial da Pesca’

Carmen Gallego (Vilaboa, 1966) leva toda a vida vinculada ó mar dende que en 1985 entrou na Asociación de Mariscadoras de Vilaboa. Non quere falar do que pasará despois do un de marzo porque que di que ten moito traballo por diante ata chegar ás eleccións.
A conselleira chega á entrevista, en Vigo, despois de participar na botadura do buque ‘Intermares’ coa ministra Espinosa no asteleiro Armón e pide facela en galego, ‘exprésome mellor’, explica.

Na lexislatura que agora remata houbo dende unha folga do sector ata unha Lei de Pesca de Galicia. De qué se sinte máis satisfeita?

A min o que máis me reconforta da actividade destes tres anos e medio é ter cumprido unha parte importante do compromiso que adquirimos cos cidadáns. Dende a nova Lei de Pesca de Galicia, que senta as bases para a ordenación do sector no futuro, ata todos os plans estratéxicos que puxemos en marcha para cada un dos sectores. E logo todas as políticas sociais que se puxeron en marcha por primeira vez en Galicia, dende o plan de pensións das mariscadoras, ata o seguro de mal tempo, que é unha iniciativa pioneira na Unión Europa. Pero tamén todas as políticas que tentaban mellorar a calidade de vida das persoas, algunhas en sectores moi puntuais como o plan de recuperación do pulpo.

Logo sempre quedan cousas no tinteiro que non se puideron facer e que teñen que ver coa regulación laboral do sector pesqueiro, na pesca extractiva básicamente. É unha asignatura pendente.

Cal ten sido o peor momento?

Os peores momentos son sempre os asociados á sinistralidade no mundo do mar. Calquer problema como os vencellados ó prezo do combustible ou porque un sector non esté de acordo con decisións do Goberno é lexítimo e temos que estar preparados para afrontar críticas. O complicado é cando hai situacións de accidentes con persoas que morren. Nós sempre queremos estar ahí, coas familias e axudar no que poidamos e acompañalos no seu drama. É duro pero hai que facelo. Tamén nesa parte da política temos conseguido avances, pero no todos os que quixeramos.

Nesta lexislatura por vez primeira se puxo en marcha un plan de riscos laborais do sector pesqueiro, pero son políticas con resultados a longo prazo, porque na seguridade no mar hai un elemento moi importante que é a concienciación dos traballadores.

Houberalle gustado que a consellería se trasladara a Vigo?

Ese foi un compromiso que o presidente asumiu no seu día pero facía falla ter unha maioría cualificada no Parlamento de Galicia para levalo a cabo e eso non foi así porque os cidadáns nos dixeron os votos que tiñamos cada un.

Pero houberalle gustado?

Si. Eu creo que Vigo é un referente a nivel internacional para a pesca. Nós temos traballado moito para que así sexa. Todo o que fixemos nesta lexislatura con ámbito internacional o trouxemos a Vigo. Dende grandes conferencias como a da NAFO, o congreso nacional de acuicultura e todas as veces que tivemos a oportunidade de facer eventos de carácter nacional e internacional o facemos en Vigo.

Eso é porque queremos dende o goberno de Galicia facer de Vigo un referente na pesca. Agora máis que nunca coa Axencia Europea da Pesca e a súa instalación en Vigo todo o mundo entende que é a capital, non só europea, da pesca. E algo que tamén pretendemos coa cidade do mar. O goberno de Galicia aposta por facer un gran centro científico relacionado co mundo do mar e se fará en Vigo.

A Lei de Pesca inclúe unha Axencia de Desenvolvemento Sostible. Como se vai desenvolver?

Agora mesmo estamos preparando o decreto polo que se crea esa axencia. Decidímonos a incluir a creación desta axencia na Lei de Pesca porque nos novos fondos europeos da pesca se crea unha nova figura de axudas ó sector pesqueiro, mais ben ás poboacións costeiras, que ata o de agora non existían e que é semellante ás políticas de desenvolvemento rural. O que se trata de facer é que nas poboacións costeiras arredor do mundo do mar se creen incluso outros xacementos de emprego vinculados á pesca extractiva, coma poden ser cuestións relacionadas coa comercialización dos productos de pesca local ou novidades como o turismo mariñeiro. En Galicia fomos pioneiros, creo que fomos a primeira rexión europea, en crear os grupos de acción costeira que xa teñen presentados os seus proxectos para cada unha das zonas. A axencia ten que tirar deses sete grupos para que xurdan actividades innovadoras.

Outra cuestión foi a introducción de medidas de igualdade.

A muller nalgúns segmentos é unha mayoría abrumadora, coma o marisqueo a pé, na industria da transformación tamén, pero é certo que custou moito que esa presenza feminina se trasladase ós órganos de representación. Hai algúns anos que xa hai patronas maiores e tamén no mundo das asociación de armadores tamén hai mulleres que levan a xerencia, pero eso non é o común.

‘Quedanos desenvolver a Lei de Pesca’

Que é o máis urxente que lle queda no tinteiro? Pois agora temos un traballo inmenso que é o desenvolvemento da lexislación que leva consigo a nova Lei de Pesca. Xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia e agora ten un periodo de seis meses ata a entrada en vigor no que hai que desenvolver os decretos que leva consigo a lei.

Por qué cre que hai unha sensación de que no sector pesqueiro o conflicto é permanente?

Creo que é un sector moi vivo, moi dinámico e diverso, porque o mundo da pesca vai dende a mariscadora que traballa nun areal ata o gran buque conxelador que faena en NAFO. Non me parece que sexa un sector que está en permanente crise pero é moi reivindicativo. Eu tamén formei parte do sector e o fun e sigo sendo reivindicativa.

¿Cómo afecta a crise ó sector pesqueiro?

O sector estivo en crise antes porque houbo un repunte moi acusado do prezo do combustible ata o verán e nesas datas e incluso antes xa tomamos medidas. En marzo de 2008 Galicia foi a primeira comunidade que pagou á flota as axudas de ‘mínimos’‘ conformes coa normativa europea.

Hoxe xa é un problema menos acusado porque o petróleo baixou. Pero había que ir ó fondo de problema, por unha banda o prezo do combustible e por outra o prezo do peixe. Así que cando chegamos ó goberno tomamos dúas iniciativas, a primeira foi a liberalización da forma de comercialización, porque en Galicia era obligatoria a subasta á baixa. A outra medida foi embarcarnos nun ambicioso proxecto de investigación, que é o ‘Peixe Verde’ para buscar combustibles alternativos. Con respecto a 2008, na facturación nas lonxas a baixa tanto en produción coma en prezo é pouca en relación có que parece.

Te puede interesar