Unha iniciativa do Consello da Cultura permitirá espallar a cultura galega

O Cervantes promocionará a imaxe positiva de Galicia

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto Cervantes colaborarán, a través dun convenio marco, en accións de promoción e difusión no exterior dunha 'imaxe positiva do que é Galicia'.
Así o explicou este martes o presidente do CCG, Ramón Villares, durante a sinatura dun convenio co que se empregará 'a rede que o Cervantes' posúe en 44 países para 'contribuír a visibilizar a pluralidade cultural que hai en España', da que forma parte Galicia.

Consecuentemente, Villares sinalou que esta nova 'vía de difusión da cultura galega' se plasmará posteriormente en accións concretas, que poderían iniciarse a finais de 2011 con actividades relacionadas co centenario do escritor Álvaro Cunqueiro.

'As posibilidades abertas son moitas', explicou o presidente do CCG, que fixo fincapé ademais na necesidade de difundir no exterior a 'marca-país' de Galicia.

Pola súa banda, a directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, apuntou a intención da institución que dirixe de 'levar polo mundo a imaxe pluricultural e plurilingüística de España', algo para o que viu moi necesario este tipo de convenios de colaboración.

'A unión fai a forza, e así lograremos unha maior visibilidade', indicou Carmen Caffarel, que precisou que este acordo permitirá o CCG 'entrar de cheo a formar parte das actividades do Cervantes en anos vindeiros'.

O protocolo xeral de colaboración, que deberá concretarse en convenios particulares de actuación, ten unha vixencia inicial de tres anos e no recóllese a necesidade de poñer en marcha actuacións de divulgación do coñecemento da lingua galega, especialmente no relativo á tradición literaria; así como a planificación de actividades culturais en diversos formatos no relativo a Galicia.

Por outra banda, traballarase na 'potenciación da participación e do interese das empresas de Galicia polas actividades que desenvolva' o CCG e o Cervantes no exterior, 'co fin de que contribúan ao seu financiamento a través de patrocinio'. O acordo, que non implica achega de recursos económicos inicialmente, contará ademais cunha comisión de seguimento participada tanto polo CCG coma polo Instituto Cervantes.

Te puede interesar