Concentración a prol da 'saia da Carolina' en galego

Un grupo de veciños de Marín creou a 'Plataforma cívica A saia da Carolina en galego' para reivindicar a aprendizaxe desta peza musical tradicional en galego fronte á versión en castelán que se ensina nun libro de texto utilizado no colexio A Laxe desta localidade. O colectivo convocou unha concentración o xoves 21 de outubro ás 20.00 horas na Alameda de Marín para cantar a canción 'como debe ser' e como a queren transmitir os seus fillos, segundo indicou.
O voceiro desta plataforma, Xosé Antón Laxe Martiñán, critica que a substitución dunha lingua por outra constitúe unha 'barbaridade de gravedade extrema' e cualifica de 'ofensa para Galicia' que se estuden en castelán cancións que pertencen á tradición galega. 'É unha falta de respecto á lingua e á nosa rica cultura musical', sostén Laxe, que anima a todo o profesorado marinense e, por extensión, do resto de Galicia, a 'sumar todo o apoio posible' a esta convocatoria 'cívica e desvinculada de calquera partidismo'.

Te puede interesar