A constitución do Concello de Santiago atrásase ata xullo tras presentar PSOE e BNG senllos recursos

A corporación do Concello de Santiago non poderá conformarse ata o próximo mes de xullo debido á presentación de senllos recursos contencioso-electorais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por parte de PSOE e BNG.
Confirmárono a Europa Press fontes de ambas as dúas formacións, despois de que a Xunta Electoral Central desestimase as impugnacións presentadas por socialistas e nacionalistas sobre varias mesas electorais na capital galega nas eleccións do 22 de maio, nas que o PP obtivo maioría absoluta tras 24 anos de gobernos encabezados polo PSOE.

De feito, o Bloque tratou de impugnar o escrutinio de sete mesas e os socialistas, de dous, que coinciden cun par das recorridas polos nacionalistas argumentando a existencia de 'posibles irregularidades'.

Agora, a toma de posesión da nova corporación atrasarase 20 días máis do estipulado para a constitución xeral dos concellos e neste prazo deberá decidir o alto tribunal.

Non sería a primeira vez que isto acontece en Santiago, xa que en 1995 e 1999 a toma de posesión tamén se fixo esperar 40 días por recursos presentados polo PP. Nesta última data, ademais, houbo de repetirse unha votación nunha mesa, situada na rúa Frey Rosendo Salvado.

Te puede interesar