A Deputación de Pontevedra, Xunta e Cogami subscriben un convenio para eliminar barreiras nos colexios electorais

A Deputación de Pontevedra asinou coa Xunta e a Confederación Galega de Persoas con discapacidade (Cogami) un convenio para eliminar as barreiras arquitectónicas nos colexios electorais.
Así, a institución provincial subscribe a segunda fase do convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e Cogami para a posta en marcha dunha auditoría sobre a accesibilidade dos colexios electorais da provincia de Pontevedra.

Na firma participaron o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, e o titular da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Nesta segunda fase do convenio complétase en seis concellos un estudo do estado dos locais e centros empregados como mesas electorais para, posteriormente, acometer a supresión dos inconvenientes e barreiras arquitectónicas atopados. O estudo completarase en catro anos.

O orzamento total previsto para esta actuación ascende a 50.000 euros, dos cales a Deputación Provincial asumirá o 50 por cento (25.000 euros) e a Consellería de Presidencia e o IGVS 12.000 euros, respectivamente.

O presidente de Cogami fixo especial fincapé na intencionalidade do proxecto que 'non é algo pensado en exclusiva para a xente con discapacidade, senón que beneficia a toda a sociedade'.

Nesta segunda fase inclúense os concellos de Moaña, Nigrán, O Porriño, Sanxenxo, Tui e Poio. Na primeira fase sometéronse a estudo os colexios electorais de nove concellos pontevedreses: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Lalín, Marín, Cangas do Morrazo, Ponteareas e A Estrada, que acolle unha poboación de 560.000 persoas e 283 mesas.

Te puede interesar