Detido por agredir un mozo sen mediar palabra e deixalo ferido

Un lucense de 30 anos foi detido por axentes do Corpo Nacional de Policía acusado dun delito de lesións, por mallar supostamente un mozo ás portas dunha discoteca, sen mediar provocación, e ocasionarlle feridas de carácter grave polas que tivo que recibir asistencia médica.

Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo nun comunicado, os feitos ocorreron arredor das seis e media da madrugada do pasado día 26 de novembro, na cidade de Lugo.

Segundo o testemuño da propia vítima, cando estaba cuns amigos na porta de entrada dunha discoteca, o suposto agresor achegóuselle e, 'sen motivo aparente', ameazouno, polo que o mozo e os seus acompañantes decidiron deixar o lugar para non meterse en leas.

Porén, fóra xa do local, o agresor volveu achegarse á vítima e, 'sen mediar palabra', propinoulle un forte golpe no nariz, que lle provocou unha lesión de carácter grave.

A intervención das persoas que presenciaron a agresión impediu que a pelexa fose a máis, pero a vítima tivo que recibir asistencia por parte dos servizos médicos de urxencias.

O suposto autor da agresión xa fora denunciado noutra ocasión, tamén por lesións, pero carecía de antecedentes policiais.

Te puede interesar