O Parlamento de Galicia recoñece á xeración Nós, “faro da galeguidade”

photo_camera El presidente del Parlamento de Galicia, Miguel Santalices (2d) y el presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo (2i) posan con los representantes de la Fundación Otero Pedrayo, la Fundación Castelao, la Fundación Antón Losada Diéguez y la Fundación Vicente Risco, que personifican a la Xeración Nós.
Representantes das fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco recolleron os galardóns

O Parlamento de Galicia entregou esta mañá as Medallas 2021, a súa máxima distinción, á xeración Nós, a través das “únicas catro fundacións que perpetúan a memoria desta xeración”. 

Representantes das fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco recolleron os galardóns que simbolizan un recoñecemento outorgado por unanimidade “aos homes que conseguiron crear o momento histórico máis relevante da cultura galega”. A Foliada do Quinteiro, interpretada por Susana Seivane, marcou o inicio dun acto emotivo, con música e verbas, que lembrou a aquel grupo de intelectuais galeguistas que elevaron a Ourense á Atenas de Galicia e fixeron o país máis culto e europeo, grazas aos “bos e xenerosos, auténticos heroes nun tempo difícil no que foron quen de antepoñer a idea de Galicia a todo o demais”, en palabras do presidente do Parlamento, o ourensán Miguel Santalices. Unha ducia asasinados, unha vintena asasinados e outros condenados ao ostracismo: “Uns e outros mantiveron a súa lealdade á causa galeguista”, enfatizou Santalices.

Corina Porro Martínez, secretaria do Parlamento, leu o acordo polo que se concederon as medallas: “Preto de duascentas figuras colaboraron na revista Nós ao longo das súas tres etapas. Conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, pero tamén fondamente enraizadas na realidade local. O galeguismo comezou unha nova andaina con Nós”.

“Un fito histórico no proceso de normalización da lingua”

A voz de Otero Pedrayo ou as letras de Risco na revista Nós escribindo da “patria galega” coláronse no acto en formato audiovisual, no que figuras da cultura actual en Galicia destacaron a labor desta xeración. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, definiu como “fito histórico no proceso de normalización da lingua e da cultura de Galicia” o pulo creador destes intelectuais comprometidos. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, falou das súas “formacións políticas que van confluíndo nunha única proposta, o partido galeguista que lidera o estatuto”.

“O epicentro da revista Nós, materializada en Ourense”

Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego, profundizou no legado da xeración Nós durante o seu discurso, non sen antes agradecer a labor dos sanitarios durante a pandemia da covid. As primeiras palabras foron de afecto para os “que ofreceron o mellor de si para garantir a prestación dos servizos esenciais, así como os enfermos e as persoas que perderon algún ser querido nunha pandemia na que parece que por fin vemos a luz ao final do túnel”. Xa sobre as Medallas, apuntou o “recoñecemento á semente do cosmopolitismo, europeismo,  vangarda que uns e outros achegaron á cultura galega sempre coa lingua como bandeira hai agora cen anos. O movemento que tivo como epicentro a revista Nós, materializada en Ourense”. 

“Rendemos tributo á memoria, exemplo de integridade, coherencia e fidelidade a Galicia e ao legado intelectual dos fundadores de Nós”, engadiu Santalices. “O proxecto editorial que fixeron posible resultou determinante para a posterior determinación de Galicia”, enfatizou o presidente do Parlamento de Galicia. “En pouco tempo, a revista Nós conqueriu o respecto unánime do país”, lembrou Santalices.

Fundación Otero Pedrayo

“Hai un século estes homes foron quen de construír un relato coherente do país e sinalar o camiño para poñer a Galicia no lugar que lle ten que corresponder dentro do concerto dos pobos, dándolle un sentido universal ao enxebre. Emerxen en nós sentimentos de satisfacción porque un século máis tarde, cando o Estatuto de Galicia é unha realidade, os actuais representantes recoñecen á xeración Nós e a súa loita activa para redactar e promulgar o estatuto votado e aprobado en 1936, que infelizmente non se puido aplicar no debido tempo”. Así se expresou Juan Luis Saco, presidente da Fundación Otero Pedrayo. Subliñou o sentimento de agradecemento e o de “compromiso”, por manter o acceso “ao faro da galeguidade”.

Fundación Antón Losada Diéguez

Ana Patricia Torres Madureira, representante da Fundación Antón Losada Diéguez, destacou como “fundamental para a nosa Galicia” a xeración Nós e reivindicou a figura de Losada Diéguez, natural de Boborás, como “esquecido mentor de Nós, que reclutou no galeguismo ao grupo de Ourense.  E a idea de facer a revista tamén foi del. Posiblemente a súa morte con 44 anos e non ser extensa a súa lista de libros publicados fixo que se tivera esquecida a sua figura, pero era a semente deste grupo de intelectuais que cambiaron Galicia”. 

Fundación Vicente Risco

Celia Pereiro Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, destacou ao intelectual ourensán como “ideólogo da revista Nós” e que escribiu, por exemplo, sobre a “avanzada muller do porvir” que foi Concepción Arenal. “Risco foi un amante das vangardas, heterodoxo, amigo da conversa e aglutinador dos artistiñas, entroideiro e cheo de sentido do humor”, dixo. “Mestre indiscutible da etnografía galega, cheo de bondade”. A Fundación Vicente Risco adica a medalla “aos que cantan, bailan, escriben e pintan en galego. Toda esa xente fai que a xeración Nós sexa presente e futuro”.

Fundación Castelao

Carlos Mella Villar, presidente da Fundación Casteao, foi o último en recoller esta medalla conxunta que homenaxea a Nós. “Esta xeración chegou nunha época de incertidume, mirou o país, non lle gustou, e en troques de deitarse na queixa, constrúe o país. Eles sós conseguen, con esforzo tremendo, algo inmenso: Galicia deixa de ser un pensamento abstracto para convertirse nunha tarefa a realizar, que a fan sen axuda”. Tildou de “milagro” o logrado: “Que cen anos despois, nós os galegos, poidamos estar falando de Nós, Galicia, unha nación”.

“Marcaron para sempre a forma de facer política e cultura”

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, foi o encargado de pechar o acto.  “O Estatuto de Autonomía, o fogar que a todos nos acolle, é fillo do pobo galego e foi axudada por un soño traballado arreo por uns precursores. É unha feliz consecuencia do afán popular, dunha democracia recuperada e de ideas fecundas sementadas por galegos que imaxinaron unha Galicia libre. Sen as autonomías, a democracia española tería nacido feble. Os estatutos forman unha parte constituínte do Estado democrático”, apuntou. Sobre a xeración Nós, definiu a un grupo de intelectuais que “aprenden tolerancia e unidade do pobo, acollen a persoeiros tan diferentes e mesmo discrepantes entre si”. Feijóo reivindicou aos “senlleiros” de Nós, que “desplegando un traballo do que toda Galicia se beneficia. Galicia non sería o que é hoxe sen o traballo daqueles devanceiros que nos marcaron o camiño, que marcan para sempre a forma de facer política e cultura”. O presidente autonómico invitou a tomar exemplo da “discrepancia” de Nós na actualidade, polo “soño común” de Galicia. “Son ideas que seguen vivas na Galicia que hoxe loita por superar a pandemia. Unha vez máis, Galicia demostra que con unidade e responsabilidade, é quen de superar o desafío. O autogoberno foi un marco institucional útil e estable cando só había inestabilidade”. Lembrou, finalmente, os “rostros da sanidade e da educación que antepuxeron o ‘nós’ ao ‘eu”. 

O himno galego, interpretado por Susana Seivana, pechou o acto.

Te puede interesar