A Xeración Nós, Medalla do Parlamento de Galicia 2021
O Parlamento de Galicia recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración Nós, coincidindo co seu primeiro centenario.
A Mesa do Parlamento de Galicia acordou, na súa reunión deste martes, por unanimidade, conceder a Medalla do Parlamento á Xeración Nós e aos seus discípulos. O galardón recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración Nós, coincidindo co seu primeiro centenario.
O 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista `Nós`, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936, por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, até a súa desaparición en 1936.
Personalidades como Xavier Prado "Lameiro", Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, do mesmo xeito que todas as figuras --preto de 200-- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da revista.
Galeguismo
Uns e outros conformaron un grupo de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais profundamente enraizadas na realidade local. Con eles, a denominada Xeración Nós, o galeguismo comezou unha nova andaina.
A experiencia de Nós finalizou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecederos na Galicia territorial e na emigración, sinala o acordo adoptado pola Mesa da Cámara.
O vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, promulgado o 6 de abril de 1981, é "herdeiro e continuador" do truncado Estatuto de 1936, froito do esforzo e o compromiso galeguista impulsado pola Xeración Nós.
Galicia, en débeda coa Xeración Nós
O acordo da Mesa considera que a autonomía política da Galicia actual é tributaria da semente depositada pola Xeración Nós, mérito que a Cámara galega quere recoñecer coa concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2021.
Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ao catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria das figuras constituíntes da Xeración Nós: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez e Fundación Vicente Risco.
40 aniversario do Estatuto
Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento de Galicia será entregada do próximo 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que este ano celebra o seu 40 aniversario.
No pasado ano, 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
AULAS, RECREO O COMEDORES
Así es el nuevo manual para atender al alumnado con autismo en los colegios de Galicia
CENTROS COMERCIALES ABERTOS
La Xunta apoya este año con casi 2,4 millones de euros los 56 CCA gallegos
Lo último