Expulsados Anova din que argumentos esgrimidos carecen de fundamentos xurídicos

Os 17 membros de Anova de Redondela expulsados da formación política sosteñen que 'os feitos imputados que serven de argumentario para a expulsión carecen de fundamento xurídico e da obriga de carga de proba que asiste a calquera acusación'.

Os afectados fixeron público hoxe un comunicado en que sinalan que a 'acusación principal' é 'a de constituír unha asemblea local que xa estaba constituída, sendo isto radicalmente falso, pois a única asemblea creada era a Comarcal de Redondela'.

Indican os expulsados que a Comisión Ética e de Garantías de Anova 'non ten lexitimidade' para tomar este acordo por, entre outras cousas, 'carecer de regulamento' e carecer 'dun capítulo estatutario sobre faltas e sancións para utilizar como baremo'.

Neste sentido, indican que a citada comisión utiliza como referencia sancionadora a Lei de partidos, 'que, sen entrar a valorar os seus elementos antidemocráticos, se aplicase antes da constitución de Anova como partido político', matizan.

Os membros de Anova expulsados expresan tamén a súa 'enérxica protesta' polos comunicados dos membros da Coordinadora Comarcal de Redondela, 'cuxo contido -din- está sustentado en mentiras e interpretacións subxectivas, que teñen como única finalidade dirimir as diferenzas políticas eliminando a dialéctica por medio de purgas e expulsións'.

No seu escrito, os afectados expresan o desexo de 'trasladar a toda a localidade de Redondela que continuamos crendo na construción dunha ferramenta política ampla que traballe para Galicia e as súas clases populares'.

'Esa ferramenta é Anova -critican-, da que continuamos formando parte por riba de manobras escuras, políticas palacianas e purgas censoras'.

Os expulsados mesmo ameazan con levar este caso á Xustiza ordinaria.

'Se esta situación non se soluciona pola vía do consenso, como así defenden os estatutos de Anova, e como así defendeu Xosé Manuel Beiras, apelando ás solucións políticas dos conflitos que teñen esta única raíz e aconsellando descartar calquera outra opción, reservámonos o dereito a acudir á Xustiza ordinaria', conclúen.

Te puede interesar