Galicia terá o primeiro convenio para dar asistencia sanitaria aos funcionarios da UE que viven ou traballan nela

Galicia será a primeira comunidade autónoma de España en contar cun convenio de colaboración coa Unión Europea (UE) que permita dar asistencia sanitaria aos funcionarios da Comisión Europea que viven ou traballan nela.
Con este fin, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, mantivo unha reunión en Bruxelas co xefe da Unidade de Seguro de Enfermidades e Accidentes da Comisión Europea, Giuseppe Scognamiglio.

Segundo explicou a Consellería de Sanidade, estas persoas poderán contar con cobertura en Atención Primaria e especializada coas mesmas características que os galegos, e disporán de tarxeta sanitaria do Sergas na que se incluirá a identificación UE que acreditará o seu dereito á asistencia.

Sanidade destacou que uns 200 funcionarios de Axencia Europea de Pesca de Vigo, xunto coas súas familias, poderán beneficiarse do futuro acordo.

A asistencia sanitaria destes traballadores será sufragada pola UE de acordo ás tarifas oficiais do Sergas; e o convenio será aplicado non só aos funcionarios en activo, senón tamén aos xubilados que decidan residir en Galicia.

Nas próximas semanas será asinado o convenio entre ambas as dúas entidades, unha vez que os textos sexan revisados polos servizos xurídicos de ambas as dúas institucións. Deste modo, Galicia e a UE apostan 'por un marco de axilización dos trámites administrativos nun contexto de igualdade de acceso e de trato', segundo sinala Sanidade, que engade que o protocolo permite, ademais, o afianzamento e a estabilidade das institucións da UE na comunidade.

A viaxe da conselleira a Bruxelas completouse con reunións sectoriais no ámbito do desenvolvemento da directiva sanitaria que regula a asistencia sanitaria transfronteiriza, nas que se constatou, segundo indicou a consellería, a 'boa posición que ten Galicia' na aplicación desta.

Deste modo, Galicia solicitará participar no comité de desenvolvemento da directiva, o que lle permitirá ir adaptando os seus sistemas de estándares e garantías de calidade asistencial, o seu rexistro de profesionais e a súa carteira de servizos ás esixencias que se vaian establecendo pola UE.

Te puede interesar