20D | ELECCIONES GENERALES

Guía para entenderse na marea galega

De esquerda a dereita, Antón Sánchez (Anova), Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos).
photo_camera De esquerda a dereita, Antón Sánchez (Anova), Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos).

Ou confluencia, ou unidade. Tantos nomes como protagonistas nun proceso que rematará nos vindeiros días e que confundiu aos potenciais votantes dunha candidatura chamada a repetir o éxito das municipais.

"Queda inaugurado o exército zapatista galego". A frase, de Martiño Noriega, foi pronunciada polo alcalde de Santiago nun mitin de AGE nas autonómicas de 2012. Voltaba Beiras. O regreso do xigantón celta, para cronistas como Enric Juliana.  O berce, un de moitos, dun ente abstracto que hoxe recibe o nome de marea galega, unidade popular, confluencia, plataforma, candidatura de país ou lista común; pero que en realidade aínda non é ningunha das anteriores.

Tentaremos facer a foto fixa do momento. Dúas plataformas: Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadá pola Marea Galega. Incontables partidos: Anova, Podemos, BNG, as mareas municipales, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Cerna, Equo son os principais. Protagonistas: Beiras, Pablo Iglesias, Rafael Cuíña ou Xavier Vence. Reunións, almorzos, cafés en hoteis, chamadas por teléfono e asambleas. Cinco días como data límite para presentar unha lista. Nada tanxible e un electorado tan amplo como confuso. 

Iniciativa pola Unión: nas semanas previas ao 25 de xullo, un grupo de persoas recoñecidas dentro do nacionalismo galego pon en marcha un formato de manifestación (manifesto mediante) común que remata na Quintana cun éxito sen paliativos. Ese grupo, onde están Suso de Toro, Xosé Pereiro ou Pilar Fernández pon un título á mobilización: A Nación galega. Beiras e Vence acuden e as especulacións sobre a unidade son reais. Ese grupo ten continuidade e reclama unha candidatura con tres obxectivos: de base, galega e que pule por un grupo propio nas vindeiras xerais. Deseguido, o BNG atopa acubillo en IpU e convírtese na plataforma referencial para o nacionalismo que non simpatiza con Podemos e os plans de Madrid. O Banquete de Conxo 2.0 amosa a órbita na que comeza a orbitar.

Encontro Cidadá por Unha Marea Galega: simplificando, a versión galega das mareas municipais. Conta cunha voceira como Marilar Aleixandre e o respaldo de Anova e os alcaldes das mareas, por exemplo. Tamén existen membros doutros partidos como CxG e persoas importantes nas mareas como Jorge Duarte, edil de Urbanismo en Compostela. Nestes intres, ten unha boa posición de saída para se trasladar a unha papeleta electoral aínda que pon por diante que non se trata de elaborar unha plataforma pre-Amio. Esto é, un BNG antes das escisións de 2012.

Anova, Beiras e Iolanda Díaz: fundamentais neste proceso. Protagonistas activos. Unha resolución interna de Anova aposta por unha candidatura nacional que aposte pola “creba democrática”. Beiras xógase a súa reputación como líder histórico do nacionalismo. Afirma ás veces que cre nuha reformulación da Fronte Popular do 36 que apoiou o Partido Galeguista e que o dividiu. A conexión con Pablo Iglesias é evidente mais non a calquera prezo, a pesares dos intentos de Podemos de forzar a marca propia en Galicia. Mesmo podería ser un dos cabezas de lista, conserva prestixio e podería retirarse no Congreso. Iolanda Díaz, satélite, dá soporte á estratexia de confluencia con Podemos que se ve con bos ollos en Madrid pero que non ten forza dabondo en Galicia. De ser verdade, Podemos e Esquerda Unida fan tanxible o que Iglesias e Garzón non puideron acadar.

O BNG: O universo paralelo de Rodríguez de Viguri (sede do partido en Santiago). Por primeira vez, o Bloque decidiu esfarelar as siglas en aras da confluencia. Non debería pasar desapercibido o fito nunha organización pétrea onde a variable UPG, partido que nunca se presentou por solitario a unhas eleccións, atesoura unha capacidade de influencia sempre notable. Xavier Vence dobregou neste senso a tendencia histórica e, baixo esta perspectiva, moitos cren que a traxectoria dun partido como o BNG está a ser tratada dun xeito inxusto.

Podemos e Pablo Iglesias: os problemas de Podemos para encetar a candidatura en Galicia replícase en Valencia e, en menor medida, en Catalunya. Iglesias coñece a Beiras dende 2012 e ámbolos dous teñen conversado por teléfono sobre este proceso. En Galicia, o voceiro Breogán Riobóo pertenceu a Galiza Nova (xunventudes do Bloque) pero o seu papel apenas ten potencia. Insistiron ao longo dos meses en conservar a súa marca “porque así se decidiu no congreso de Vistalegre” pero o Pablo Iglesias non quere ser o Napoleón que saiu derrotado da súa entrada a Galicia. A opción de conceder un grupo propio á candidatura galega non está descartada.

Compromiso por Galicia e Cuíña: unha das eterna promesas, moi plural internamente. Segundo as súas últimas votacións internas, un sector considerable do partido, un 39% dos votos apostou por un esquema de unidade como o de Encontro Cidadá. Por esta opción apostaban Einés Monteagudo, elexida nas primarias da plataforma e Manolo González, catedrático de Economía, membro da Executiva e con presenza no concello de Outes. Pola outra, un dos puntos cardinales deste mapa. Rafa Cuíña, alcalde de Lalín, reparte a súa influencia entre Iniciativa pola Unión, dentro do partido e coa súa proximidade á dirección do BNG. Na entrevista que Xabier Blanco realizou neste xornal non aforra críticas contra Beiras e o pacto “entre cúpulas” con Podemos.

Os alcaldes das mareas: Ferrreiro pertenceu ao BNG, Martiño é colíder de Anova e Jorge Suárez milita en Esquerda Unida. Este último asinou o pasado verán o manifesto Ahora en Común. Era o primeiro rexedor que movía ficha. Ferreiro afastouse dos antigos compañeiros e Noriega adoptou un papel de espectador.

Te puede interesar