Lara: “O PP representa a defraudadores e banqueiros”

O coordinador nacional de Esquerda Unida, Cayo Lara, reprobou, nun acto no concello de Lugo, que o presidente do Goberno dixese que 'a alternativa a Feijóo son varios partidos, como algo que non ten moita importancia'.
'Nós o que lle queremos dicir dende aquí a Rajoy é que Feijóo non representa a unha coalición de partidos, pero representa unha coalición de defraudadores fiscais, de banqueiros e de estafadores electorais no noso país,' espetou.
'Esa é a auténtica coalición que representa Feijóo en Galicia, cos antecedentes que xa ten dun señor Rajoy e dun PP que ofreceron un programa aos españois e está a aplicar un programa distinto', proclamou.
Para o 21 de outubro, Cayo Lara espera que Alternativa Galega de Esquerda, a coalición coa que concorre IU ás eleccións, 'teña un crecemento importante e poder xerar, así, esta alternativa en Galicia para parar o Partido Popular, porque parar ao PP en Galicia é deslexitimar as políticas de Rajoy en Madrid'.
'Os galegos teñen a oportunidade de decidir que se paren os recortes e se empecen a facer outras políticas', advertiu.
'Creo que vai haber unha sorpresa positiva dende o punto de vista da esquerda alternativa no Parlamento de Galicia. Todo está na man, os galegos teñen a posibilidade de xerar que o cambio real empece en España a partir de Galicia', arengou.

Te puede interesar