Losada cre que 'todo o mundo' no PSOE acabará entendendo a reforma

Foto: EFE
O voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, considerou hoxe 'procedente' a reforma constitucional e mostrouse convencido de que 'falando e explicando as cousas de maneira natural e razoábel', no grupo socialista do Congreso 'todo o mundo o entenderá'.

Así o sinalou ante as preguntas dos xornalistas polas voces críticas sobre o proxecto no seo do PSOE, ante o que dixo que, ao non ser deputado nacional, descoñece cal foi o procedemento de información aos parlamentarios socialistas.

En todo o caso, sinalou que a posibilidade de introducir na Constitución unha limitación de gasto, que non sexa cuantitativa, e que considerou un 'avance importante', figura na Carta Magna.

'A idea paréceme ben e é un sinal algo máis que aos mercados: á Unión Europea, aos socios da UE e que vai permitir algo fundamental, que o refinanciamento da nosa débeda non supoña un menor custo', manifestou.

Abel Losada reiterou que se trata dunha medida 'acertada nun momento difícil' e dixo estar convencido de que a rapidez na tramitación da reforma vén dada pola 'propia necesidade de lanzar esta mensaxe' neste mes de agosto, en que houbo especiais 'turbulencias financeiras'.

'Estou seguro de que no grupo parlamentario socialista no Congreso dos Deputados, falando e explicando as cousas de maneira natural e razoábel, todo o mundo o entenderá', afirmou.

Finalmente, dixo non estar moi seguro, dada a urxencia na tramitación, de que sexa precisa a celebración dun referendo.

Te puede interesar