CC.OO. advirte contra a intención de sectores 'da dereita máis conservadora' de retomar un modelo 'patriarcal'

Máis de 188.000 xubiladas galegas cobran pensións inferiores ao salario mínimo interprofesional

Máis de 188.000 xubiladas galegas cobran pensións inferiores ao salario mínimo interprofesional -establecido en 641,4 euros mensuais-, de acordo cos datos recollidos por CC.OO. no seu informe 'A realidade das mulleres en Galicia: o emprego, o salario e a pensión', con motivo do Día da Muller Traballadora, o 8 de marzo.
'Isto é pobreza', afirmou a responsable da Secretaría da Muller de CC.OO. en Galicia, Mabel Pérez, durante a presentación dos resultados do estudio este xoves, na que destacou que unha das conclusións é que 'a feminización da pobreza é unha realidade hoxe en Galicia' e chamou a mobilizarse e protestar contra a situación e contra a reforma laboral.

O informe sinala que os datos de 2010 mostran que o salario das mulleres é un 23% inferior ao dos homes e que as súas 'desiguais condicións de permanencia' no mercado laboral levan consigo que as prestacións de desemprego femininas sexan unha 18% menores ás masculinas e que tamén as pensións estean por debaixo das que perciben eles.

En concreto, son un 26% inferiores, pois alcanzan os 12.035 euros anuais para os homes e baixan ata os 8.901 para as mulleres -na media de todos os tipos de pensións-. Estas cifras sitúan as pensionistas galegas como as cuartas que menos cobran, por enriba unicamente das murcianas, as castelán-manchegas e as extremeñas, e a 772 euros da media estatal.

No caso das prestacións por xubilación, en todos os tramos de idade a partir dos 65 anos, as contías percibidas polas galegas están por debaixo do salario mínimo (van dende os 632 aos 470 euros de media).

En todas as franxas, salvo na que vai de 55 a 59 anos, a cifra é máis baixa para elas que para os homes -a explicación é que son un grupo de 15 mulleres empregadas en grandes empresas e prexubiladas-. De feito, as pensións masculinas non están en ningún caso por debaixo do salario mínimo.

Esta situación dáse, explicou Mabel Pérez, porque as pensións por xubilación 'teñen que ver co salario, o tipo de contrato' e con que as mulleres son maioría nos traballos a tempo parcial (representan o 77%).

PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO

Tamén tomando os datos de 2010, Mabel Pérez e a economista Silvia Parga indicaron que as mulleres galegas son as cuartas cunha prestación por desemprego máis baixa (3.358 euros de media ao ano), o que representa o 82% de percíbeno os homes na mesma situación.

En canto aos salarios, o informe revela que os galegos continúan por debaixo da media e que os soldos femininos seguen sendo menores que os masculinos (15.704 euros anuais fronte a 20.408, o que deixa os salarios femininos un 23% por debaixo).

As diferenzas amplíanse nalgúns sectores, destacaron as representantes de CC.OO., que apuntaron ao das entidades financeiras e aseguradoras ou empresas de servizos ás empresas, nos que as retribucións das mulleres son soa o 65% das dos homes. Na industria equivalen ao 67% dos salarios masculinos. Sobre este asunto, Mabel Pérez apuntou as 'enormes dificultades' para negociar os plans de igualdade nas empresas, que mostran 'resistencia' a igualar os salarios.

EMPREGO E OCUPACIÓN
O estudio de CC.OO. destaca que a participación das mulleres no mercado laboral se incrementou 'de forma significativa', ata chegase ás 611.400 activas en 2011, aínda que a taxa é do 49,2%, fronte ao 61,7% dos homes. Coa crise, nun principio, destruíuse máis emprego masculino que feminino, pero no último ano o paro entre elas creceu máis que entre eles (14.400 paradas máis, fronte a 13.500 desempregados máis).

En canto á taxa de ocupación, a masculina segue por enriba da das mulleres, aínda que se foron igualando. O motivo, explicou a secretaria de Muller de CC.OO., é a destrución de emprego entre os homes.

En taxa de temporalidade, a feminina é maior tanto no sector privado coma no público, pero a diferenza é máis pronunciada neste último ámbito (un 26,8% fronte a un 17,3%).

ACTITUDES QUE 'NON SON DO SÉCULO XXI'
Neste contexto, Mabel Pérez advertiu de que a reforma laboral terá 'repercusións graves' sobre as mulleres e vai empeorar as súas condicións'. Neste sentido, considerou que se abre a porta á 'fraude' coas horas extra nos contratos parciais, que son fundamentalmente asinados por mulleres.

Tamén advertiu contra 'a volta atrás' en materia dereitos que, ao seu xuízo, están a sufrir as mulleres, coa reforma da lei do aborto ou manifestacións como as da ministra de Sanidad, Ana Mato, que dixo que pedirá un informe sobre a pílula poscoital. 'Supoño que se vai pedir á medida, porque non se escoitou que houbese algún problema con esta pílula', indicou.

Agora, avisou, estase a producir 'un ataque sistemático e ideolóxico que ten que ver coa moral católica' e que promove, auspiciado pola 'dereita máis conservadora' a volta a un modelo 'patriarcal'. 'Non o 'imos consentir', dixo e chamou as mulleres a mobilizarse e protestar para impedir 'actitudes que non son de recibo no século XXI'.

Ademais, considerou que a visión dalgúns economistas contribúe a esta volta a un modelo tradicional, ao soster que durante as crises 'as mulleres son mellores na casa' porque deixan máis emprego para os homes e se encargan do coidado de dependentes e menores, o que é 'un aforro en gasto social'.

Te puede interesar