POLÍTICA

Noriega espera que o desacordo coa oposición non se deba a unha "mala dixestión" dos resultados electorais

CA pide á oposición que acabe coa súa "chantaxe" e "bloqueo", e apunta que a súa proposta aforra 500.000 euros fronte ao anterior goberno do PP

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, espera que o desacordo no primeiro pleno da corporación municipal, no que PP, PSOE e BNG votaron en bloque contra o seu plan de dedicacións exclusivas, non se deba a unha "mala dixestión dos resultados electorais".

"Non sei por que o que antes valía para os outros á hora de repartición de recursos, agora non vale para o caso de Compostela Aberta. Prefiro pensar que non ten que ver cunha mala dixestión dos resultados electorais", afirmou Noriega en declaracións aos medios tras reunirse en A Coruña co delegado do Goberno, Santiago Villanueva.

O rexedor defendeu a súa proposta de organización para o funcionamento do Concello compostelano e invitou a oposición a presentar "outras propostas" despois de que no primeiro pleno da corporación PP, PSOE e BNG votase en bloque contra o seu plan de dedicacións exclusivas.

Noriega explicou que intentaron ser "coherentes" co código ético de Compostela Aberta e seguindo unha tradición no Concello dende fai máis de cinco lexislaturas en relación á repartición de recursos para o Goberno e a oposición.

"Fixemos unha proposta que vai máis alá do acordado nas últimas lexislaturas e non se tivo a ben apoiar. Nós fixamos posición e aqueles que entenden que as propostas de organización non poden viabilizarse ou ben terán que facer outras propostas ou, polo menos, explicitalas publicamente", asegurou Noriega.

UNIDADE DE ACCIÓN EN DEPUTACIÓN CON MAREA ATLÁNTICA

Á marxe desta cuestión, preguntado pola participación de Compostela Aberta na Deputación provincial, Noriega asegurou que manteñen o compromiso de permitir a apertura dunha "nova etapa" na Deputación da Coruña "non solo cun cambio de caras e partidos, senón de funcionamento".

Así mesmo, comentou que manteñen conversacións coa Marea Atlántica para manter unha "unidade de acción" e "gañar un peso específico e mandar mensaxe de que hai catro deputados provinciais que polo menos funcionan na mesma dinámica".

QUE A OPOSICIÓN ACABE COA "CHANTAXE" E "BLOQUEO"

Así mesmo, a voceiro do grupo municipal de Compostela Aberta (CA), Marta Lois, emprazou á oposición a "ceder" da súa parte para chegar a acordo sobre as dedicacións exclusivas tras a "xenerosidade" do grupo de goberno na súa oferta, de forma que pide o resto de grupos a que acabe coa súa "chantaxe" e "bloqueo".

En rolda de prensa este martes en Santiago, Marta Lois explicou a decisión de convocar o pleno do pasado luns, a pesar do "custo político" de atoparse cunha negativa unánime de PPdeG, PSdeG e BNG, o cal se fixo "por responsabilidade" e por "transparencia", co fin de dar a coñecer á cidadanía a posición de cada grupo.

Así, defendeu que, fronte á "chantaxe" da oposición, "todas as partes teñen que ceder" e tendeu a man para chegar a consenso. Ao respecto, puxo en valor que as ofertas que realizou Compostela Aberta nos últimos días tras catro reunións coa oposición "supera con creces" o proposto por anteriores gobernos.

Neste sentido, expuxo que a proposta levada por Compostela Aberta ao pleno do luns ofrece 13,5 dedicacións exclusivas, das que 4,5 son para a oposición, mentres que en anteriores goberno de populares e bipartito PSOE-BNG só había tres dedicacións para a oposición.

A OPOSICIÓN "FALTA Á VERDADE" SOBRE ORGANISMOS

Xunto a isto, Marta Lois referiuse ás críticas da oposición sobre o persoal de confianza e a representación do Concello nos organismos con presenza municipal, para afirmar que os outros grupos "faltan á verdade" ao falar de que non se realizasen ofertas para chegar a acordos.

Aínda que recordou que o Concello non está obrigado a aprobar en pleno o relativo a persoal eventual e representación en empresas e organismos, a intención de Compostela Aberta foi a de negociar, pero a oposición opúxose ao proposto, segundo xustifica.

No tocante ás negociacións sobre persoal eventual do Concello subliñou que CA ofrece que haxa 13 eventuais, cinco deles para a oposición. Fronte a iso, en gobernos anteriores, había 15 eventuais co PP (4 deles para oposición) e 20 co bipartito (4 para a oposición).

Sobre os representantes en organismos, Marta Lois deixou claro que en Compostela Aberta non existiu intención de "excluír" aos outros grupos ou de "monopolizar", senón que defendeu unha maior "representatividade", e puxo como exemplo o que acontece en Incolsa e outros entes.

AFORRO DE CASE 500.000 EUROS RESPECTO A HERNÁNDEZ

Por todo iso, a voceiro do Grupo municipal de Compostela Aberta remarcou que a proposta do seu grupo supón un aforro global de case medio millón de euros respecto ao anterior Executivo popular de Agustín Hernández.

En concreto, a proposta de Compostela Aberta suma 1.163.152 euros fronte aos 1.620.268 euros do goberno popular con Agustín Hernández á fronte.

Así, mentres co PP a distribución era de 1,2 millóns para o goberno (75%) e 400.000 euros para a oposición (25%), a distribución de CA é de case 800.000 euros para o goberno (68%) e máis de 360.000 euros para a oposición (32%). Todo isto, mentres se rebaixa o soldo do alcalde, o persoal eventual e suprímense os cinco directores de área.

Te puede interesar