O PSdeG denuncia que a economía galega 'segue perdendo posicións' mentres a Xunta 'desaparece catro semanas'

Censura o 'cinismo' do PP ao pedir que as xerais non interfiran no debate parlamentario dado 'o uso partidario' que fai do Goberno autonómico
O voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, puxo de manifesto este venres que a economía galega 'segue perdendo posicións' en relación coa media estatal para recriminar ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que acumule 'case catro semanas' sen convocar os seus conselleiros para 'tomar decisións'. 'A Xunta está desaparecida', sentenciou.

En rolda de prensa, o dirixente socialista incidiu en que a actividade dos responsables políticos da Xunta se limitou, ao longo do mes de agosto, a 'percorrer festas e romaxes' nun 'tour obsceno' dada a actual situación económica. 'Polo menos', valorou, decidiron 'non incluír estes actos na axenda pública: ou van a título persoal ou quedan nas súas piscinas e veleiros'.

Esta alusión á crise responde a que este mesmo venres se fixo público o dato do PIB, que crece un 0,6 por cento en Galicia e un 0,7 por cento en España. Neste escenario, resaltou que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta cun 'diferencial' do 1,1 por cento con respecto á media estatal e que, agora, se sitúa nun -0,1 por cento.

'O PP agrava a crise', concluíu Losada, quen subliñou que 'o elemento diferencial' de Galicia con respecto ao resto do país é 'un goberno desaparecido e incompetente'. Iso motiva, ao seu entender, que o comportamento do desemprego tamén sexa 'peor' na Comunidade galega.

A XUNTA 'ENGANA'

Tras percorrer o escenario económico e pintar un panorama 'desolador' no ámbito social a través dunha lectura de diversos titulares de prensa do mes de agosto -recortes en ambulancias, dependentes sen atender, supresión de docentes-, criticou tamén os 'enganos' da Xunta noutras cuestións.

A primeira á que se referiu é a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, para recordar que o mandatario autonómico prometera levar un proxecto á Cámara a principios de ano e augurar que 'tampouco chegará' o ano próximo. En calquera caso, o socialista reivindicou a súa 'utilidade como ferramenta económica' para loitar contra a crise.

Recordou tamén o compromiso de Feijóo de 'manter unha caixa de aforros galega', se ben agora a entidade financeira se converterá nun banco que 'se está a capitalizar grazas ao apoio do FROB'.

Tampouco lle esqueceu a 'pirueta lexislativo-mediática' da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ao meter nun 'carrusel de recortes' os galegos co catálogo de fármacos. Evidenciou que este instrumento non produciu efecto ningún porque Galicia é 'a segunda comunidade onde -en termos interanuais- menos descendeu o gasto farmacéutico' e a autonomía 'na que máis se incrementou a débeda de medicamentos'.

'CINISMO' DO PP

Finalmente, o deputado vigués recriminou ao voceiro do PP na Cámara, Pedro Puy, o seu 'cinismo' ao pedir os grupos que 'illen' o período electoral do debate parlamentario para alcanzar consensos na tramitación de normativas pendentes de aprobación.

'Vendo o que fan o PP e a propia Xunta, o señor Puy debería mirar un pouco a viga no ollo propio antes que a palla no alleo', remachou Abel Losada para censurar o 'escandaloso uso partidario' que os populares están a facer do Goberno galego.

Tras recomendarlle que 'corrixa os defectos' no seu grupo e no seu partido', recordou tamén que os socialistas pediron habilitar xullo para continuar coa produción lexislativa e o PP se opuxo. 'Que estea tranquilo que o noso compromiso é total', sentenciou.

Te puede interesar