Touriño chama a ’rachar o teito de cristal’ para facer real a igualdade legal das mulleres

O presidente da Xunta abogou onte por ’rachar o teito de cristal’ co obxectivo de converter a igualdade legal das mulleres en igualdade real, segundo dixo no transcurso da recepción de ’A Véspera’ en Montepío.


O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu onte o seu ’respaldo inequívoco’ para promover a ruptura dos ’teitos de cristal’ das mulleres, co fin de que os seus dereitos non se limiten a ’meras declaracións ben intencionadas’ e se poida ’pasar da igualdade legal á igualdade real’. Así o garantiu na segunda edición de ’A Véspera’, o acto estreado o ano pasado con motivo da celebración do 25 de xullo para abrir a residencia oficial de Monte Pío á sociedade e que, nesta ocasión, estivo adicado ao colectivo feminino como mostra de que ’a batalla da igualdade é un sinal de identidade’ do bipartito.

Ante máis de 200 mulleres de diferentes ámbitos, entre as que se atopaba a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, Touriño recoñeceu que neste reto ’queda moito por facer’, malia que paulatinamente este sector ’estea a gañar o pleno recoñecemento xurídico e político na batalla clásica dos dereitos’.

Na súa opinión, os dereitos ’deben lograr unha concreción real na práctica’ e, en consecuencia, ’estar apoiados por medidas legais que os garantan’, tanto no ámbito xeral coma nos específicos. ’E preciso exercelos para que non se transformen en papel mollado’, subliñou, polo que subliñou que ’xa non se trata de afirmar verbalmente a igualdade’.

En consecuencia, insistiu en que o obxectivo consiste en ’pasar da igualdade legal á real’ e converter a norma en ’código de conduta’. Para iso, propuxo elevar os preceptos legais a ’pauta de comportamento asumida por todos’ e reiterou: ’para ese reto tede por seguro que contades co respaldo inequívoco do presidente da Xunta e de todo o Goberno galego’.

Determinación

absoluta Para logralo, asegurou que a súa determinación é ’absoluta’ e non prevé ’facer concesións’, senón continuar na senda iniciada por leis como as xa aprobadas no Parlamento de Igualdade no Traballo ou a regulada contra a violencia de xénero, complementadas con plans que ’inci dan na corresponsabilización’.

Con todo, Touriño matizou que estas accións ’non constrúen por si soas’ a igualdade, posto que ’a súa eficacia depende da capacidade da sociedade de arroupalas’ e transformalas en ’enerxía para o cambio social’. ’Carece por completo de senso que un país se permita o luxo de malgastar o talento e as capacidades da metade dos seus habitantes’, advertiu.

Ao respecto invocou a contribución de figuras como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Areal, Maruja Mallo, María Casares ou María Mariño, pero precisou que o acto de hoxe non aspiraba a centrarse en personalidades destacadas, senón ’render homenaxe ás innumerables mulleres anónimas que achegan día a día o seu grao de area á igualdade’.

’Porque unha Galicia máis igual é unha Galicia mellor’, concluíu, antes de que os asistentes á celebración que se desenvolveu nos xardíns de Monte Pío entoasen o himno galego interpretado polo piano, o violoncelo, o saxofón e a percusión dos integrantes de Laura Martínez Cuarteto. Así, a música foi unha das protagonistas desta segunda celebración da 'Véspera' na que a esposa do presidente, Esther Cid, estivo ao lado do titular da Xunta na recepción ás máis de 200 representantes de diferentes colectivos de mulleres que protagonizaron o acto, no que tamén tomou a palabra a nova poetisa Antía Otero.

Te puede interesar