Traballadores da Xunta presentan 4.000 sinaturas contra os recortes e piden aos grupos que rexeiten o texto

Os sindicatos piden a PPdeG, PSdeG e BNG que esixan a retirada do anteproxecto de lei e redactar unha proposta 'negociada'
As presidentas da xunta de persoal e do comité de empresa dos servizos centrais da Xunta, Pilar de Celis e Ana Landrove, respectivamente, presentaron este luns no Rexistro do Parlamento case 4.000 sinaturas pedindo a retirada do anteproxecto de lei de medidas no emprego público -que previsiblemente será aprobado este martes polo pleno da Cámara- e un escrito no que reclaman aos grupos políticos que avalen esta solicitude ou que, 'polo menos, voten en contra' da norma.

En declaracións aos medios tras presentar a documentación, Pilar de Celis explicou que a iniciativa se deriva das decisións tomadas en dúas asembleas de traballadores realizadas a semana pasada. Así, presentaron escritos dirixidos aos tres grupos parlamentarios para que 'eles tamén pidan a retirada' do texto.

Ademais, achegaron as case 4.000 sinaturas recollidas nos servizos centrais e o documento coas alternativas presentado xa no Rexistro da Xunta e dirixido ao xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 10 de febreiro. Entre as medidas suxeridas polos empregados públicos atópanse reducir en dous terzos o gasto en persoal de gabinete ou usar software libre.

Pola súa banda, os sindicatos de función pública convocaron unha protesta este martes fronte ao Parlamento coincidindo co momento en que o anteproxecto será analizado na sesión plenaria pola fórmula da lectura única. Dentro das mobilizacións, tamén chamaron os empregados públicos a participar, dende as 14.15 horas deste luns, en asembleas para decidir se se encerran esta tarde en diferentes edificios da Xunta.

Antes, na mañá deste luns, representantes sindicais reuníronse cos tres grupos políticos na Cámara galega. A responsable da CIG, Carme López Santamariña, explicou que pediron aos grupos que reclamen a retirada 'do texto enteiro', pois 'todos os artigos son lesivos' para os traballadores e para os servizos públicos.

En nome de CC.OO., Ramiro Otero criticou que o proxecto de lei se tramite 'con nocturnidade e aleivosía', ao presentarse pola vía de lectura única, o que non dá 'alternativa a poder buscar unha solución á situación que vive a Administración'. Ademais, reprochou á Xunta que foi o PSdeG o que entregou o texto coa exposición de motivos e acusou ao Goberno galego de non achegar información os sindicatos.

UNHA LEI NEGOCIADA

Pola súa banda, José Vázquez, de UGT, insistiu en que a pretensión é elaborar unha lei 'negociada previamente' entre sindicatos e Xunta e advertiu de que interpretan que se está a 'negociar un convenio' a través de lei', o que representa 'un mal precedente'. 'E nós teremos que recorrelo porque entendemos que vai contra a lexislación laboral', dixo.

O presidente de CSI-CSIF, José Francisco Méndez, volveu esixir 'a apertura de diálogo cos empregados públicos' e que se retire o texto. 'Estamos dispostos a traballar na eficacia e a eficiencia dos servizos públicos. Se hai casos de absentismo estamos dispostos a apoiar as medidas para previlos. Estamos dispostos a traballar nun plan de ordenación de recursos humanos para que o servizo público teña os empregados que necesita, nin máis nin menos', expuxo.

Ademais, a responsable da federación de empregados públicos de Galicia do sindicato USO, Lourdes Pedrazuela, insistiu na reclamación de que o documento da Xunta debe ser retirado e débese abrir unha negociación, en lugar de recorrer á 'imposición, como ata agora'.

Te puede interesar